Alcaldes socialistas certifican esta lexislatura como a “do abandono do rural”

A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero encabezou esta mañá a denuncia que realizaron os Alcaldes Socialistas da Provincia de Lugo, diante da Xunta, contra os recortes e ao abandono do PP de Feijóo ao rural lucense. Concretamente Otero dixo que “a última convocatoria do plan Marco de Camiños da Xunta rebaixouse nun millón de euros na provincia de Lugo. O Delegado da Xunta anunciou a bombo e platillo que todos os Concellos da provincia xa podían solicitar as subvencións para estes proxectos, pero esquecéuselle dicir que todos os Concellos da provincia teñen recortes con respecto á pasada anualidade”.

Así as cousas, e coas cifras enriba da mesa Otero denunciou que dende “o ano 2016 que comezaron estas axudas ata ás anualidades actuais 2020-21, hai unha redución do orzamento total para camiños municipais dun 70%. É dicir Galicia pasou dun orzamento inicial de 20 millóns de euros no 2016, ata os 6 millóns de euros actuais. Concretamente na provincia de Lugo pasamos de percibir 5,3 millóns no ano 2016 paras os 67 concellos, aos 3 millóns actuais repartidas en dúas anualidades”.

Segundo sinala a propia Xunta nesta convocatoria, estes camiños rurais “facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio e, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal e facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias. Pois ben, os veciños de Xermade tiñan unha achega de 93.881 euros no 2016, e no 2021 contan 22.774 euros, o que supón unha rebaixa do 70%. O mesmo sucede en Lugo capital que no 2016 tiña 138.424 euros, e agora conta con 33.414, é dicir un 76% menos. Ou o Concello de Vilalba que recibiu 171.546 euros no 2016, e agora 39.043 euros, un 77% menos de axudas con respecto ao inicial”.

Otero dixo que “esta é a verdadeira lexislatura do abandono do rural, e Lugo é a provincia máis afectada polas políticas sectarias, de recortes e abandonos do Goberno de Feijóo, Balseiro e Candia”, espetou.

Así as cousas a Secretaria Provincial advertiu que “Feijóo e o PP están convertendo aos galegos que viven no rural en cidadáns de segunda, con menos servizos e menos investimentos. Hoxe falamos de recortes en camiños municipais, pero o mesmo sucede coa sanidade, coa demanda dunha unidade de ictus no HULA, ou na educación como o ultimo capitulo vivido no colexio Frei Luis de Granada de Sarria por citar algún exemplo”, remarcou.

O Alcalde de Castroverde, Jose Maria Arias, que falou en representación dos Alcaldes, dixo que “esta é a era dos drons e das antenas, isto é o que Feijóo fixo con Galicia: recortes e recortes e campañas publicitarias cada catro anos. Pídolle que abandone as aldeas modelo e que acabe co minifundio en Galicia. Feijóo ten que ter suxeita a Galicia na miseria, solo lle convén isto, ter a Galicia na miseria”, resumiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com