Alumnos do Quiroga Ballesteros visitan a mostra “Operación Muralla Limpa”

Os alumnos e alumnas de primaria do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Quiroga Ballesteros gozaron hoxe da primeira visita didáctica na reapertura da exposición sobre a Operación Muralla Limpa na Delegación Territorial da Xunta.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, invitou aos escolares a reflexionar sobre a importancia de coidar e respectar o patrimonio cultural. “O recoñecemento que hoxe merece a Muralla de Lugo en todo o mundo -afirmou- sería impensable se un grupo de lucenses concienciados non emprenderan hai máis de 40 anos a chamada Operación Muralla Limpa”. O delegado explicou que a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade “é en boa medida consecuencia daquel paso dado no 1972”.

A exposición permanecerá aberta ata o día 6 de febreiro, cun enfoque máis pedagóxico para as visitas escolares pero aberta a todo o público en xeral. A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria enviou invitacións a todos os centros docentes da capital, que poderán concertar cita para realizar unha visita guiada.

A mostra reúne imaxes de José Luis Vega Fernández pertencentes ao fondo do Arquivo Histórico Provincial. Estivo exposta no mes de decembro na sala de exposicións da Delegación Territorial e retómase á vista da boa acollida que tivo.

Ademais, como novidade, engádense seis novas fotografías ás 45 que compoñían o conxunto anterior, todas referidas á operación urbanística acometida no ano 1972, que implicou o derrubo en menos de dous anos de 85 edificacións que estaban pegadas á Muralla polo exterior e, despois da cal, a cidade e o propio monumento sufriu unha transformación espectacular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com