" />

Anova apoiará unha mobilización nacional o 25 de xullo Día da Patria Galega

Anova explorará a posibilidade de apoiar e, xa que logo, participar coa súa militancia nunha mobilización nacional “convocada polo pobo galego”, na que as organizacións partidarias colaboren deixando a un lado as súas siglas para ceder o protagonismo ao estrato cidadán no sentido amplo, tanto na convocatoria como no lema, na cabeceira e nas intervencións finais.

Neste eido, Anova, como organización política que é, iniciará conversas cos diferentes partidos que tradicionalmente convocan actos no día da patria, para coñecer os posicionamentos de cadaquén e valorar se existe a vontade de participar nun 25 de xullo no que o protagonista sexa a cidadanía que integra a nación galega. De igual xeito, farao con persoas que, na súa condición de cidadáns e cidadás, téñense manifestado publicamente ao respecto.

Por outra banda Anova-Irmandade Nacionalista informou que o vindeiro 11 de xullo vai celebrar  unha Conferencia Política Nacional para concretar as liñas políticas de cara a afrontar o proceso das eleccións ás Cortes do Estado. Neste eido, e como xa é coñecido, Anova entende que os anteditos comicios deberían significar o inicio dun novo proceso constituínte.

Partindo do proxecto estratéxico definido na constitución de Anova en 2012, que pivota sobre dous eixes: primeiro, o espazo sociopolítico plurinacional e a construción da expresión do suxeito político soberano chamado Galiza e, segundo, a recuperación das políticas de esquerda a favor da maioría social, en clave rupturista e coa cidadanía activa como motor do proceso; na conferencia a irmandade fará un exercicio de concreción colectiva no referente aos posicionamentos de mínimos e obxectivos políticos no contexto das eleccións ás Cortes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo