Aprobada a Conta Xeral de 2020: Lugo ingresa 4M€ menos e suma un 15% o gasto medio por habitante

O Concello de Lugo aprobou hoxe nun Pleno Extraordinario a Conta Xeral de 2020. Un exercicio marcado pola COVID que tamén deixou a súa pegada no balance municipal.

A tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, puxo de manifesto, xa ao inicio da súa intervención, que a información que recolle o documento contable achega “cifras obxectivas, non de parte, que reflicten a situación económica na que se atopa a administración” e lamentou, pola contra, “a utilización nesgada que fai deles a oposición na procura de réditos políticos sen pensar que cando os trasladan, dunha maneira terxiversada, o que fan é prexudicar a imaxe institucional do Concello, embazando o traballo do persoal municipal e poñendo en tela de xuízo os resultados acadados que, como digo, falan, en definitiva, de solvencia, de liquidez e dunha mellora dos protocolos administrativos que, a pesar das circunstancias, redundou no conxunto da poboación lucense porque incrementou a axilidade da tramitación”.

Un argumento no que a propia rexedora, Lara Méndez, abondou para poñer en evidencia a falta de escrúpulos da oposición cando recorre á mentira para tratar de disimular a súa falta de traballo, en alusión ao anuncio realizado días atrás dunha posible subida de impostos.

“Non se pode vir aquí a facer afirmacións que non están acompañadas de realidade, non lle imos subir os impostos á cidadanía, pasen polos servizos e pregunten aos técnicos, preocúpense e, sobre todo, infórmense do labor que se está facendo, dos cambios que estamos implantando para ser aínda máis dilixentes como Administración e deixen de contar mentiras”, pediu a alcaldesa.

Pola súa banda, Paula Alvarellos quixo destacar, primeiramente, que o impacto da inactividade económica e social xerada pola pandemia mermou en 4 millóns de euros a recadación municipal de 2020.

“Unha diminución de ingresos derivada, fundamentalmente, da recesión no investimento privado que ocasionou o Estado de Alarma, pola incerteza financeira que provocou, e paralizou a moitos sectores, nomeadamente á industria cultural e de ocio, entre eles a hostalaría – cun importante peso no PIB local e nacional – pero que tampouco foi alleo á construción, un dos polos de negocio máis importantes na cidade. Dito isto, o 2020 arroxou no Concello de Lugo un saldo de 80.035.861 de euros en dereitos recoñecidos, dos que forman parte tanto os impostos directos e indirectos, como as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes e de capital ou os ingresos patrimoniais. E de todos eles, só un 13’21% quedou pendente de cobro a 31 de decembro”.

A este respecto Paula Alvarellos afeou ao portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular polo “descoñecemento manifesto que pon de relevancia e sen ningún tipo de pudor cando afirma que o Concello estimaba ingresar 149 millóns de euros, cando esa cantidade alude ao orzamento total dispoñible do Concello en 2020. Así que, por favor, fórmese e deixe de crear confusión gratuitamente”.

A concelleira nomeou, tamén, algúns dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais como foron o IBI (22.015.869 €) ou o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (5.803.644 €) que supoñen o 27’51% e o 7’25%, respectivamente, da cantidade total que obtén a Administración cada anualidade.

“Sen embargo, a necesidade de pechar as instalacións públicas durante varios meses e as limitacións de aforo posteriores ocasionaron, por exemplo, que os cobros de prezos públicos nas Escolas e dotacións deportivas da capital ou na Escola Municipal de Música decaesen dos 346.187 € e 67.145 € obtidos, respectivamente, en 2019 aos 192.572 € e 59.429 euros que se recadaron o pasado ano”, lembrou a edil.

“Tamén a taxa pola apertura de establecementos dá boa conta da baixa nos niveis de investimento en Lugo, onde pasamos de 161.185 € (2019) a 105.171 € (2020) e mesmo impostos como o ICIO evidencian que o volume de obras e reformas na construción tamén se resentiu xa que dunha liquidación de 1.846.923 euros en 2019 pasamos á metade, 935.330 € en 2020 (un 49’36% menos)”.

A pesar desta realidade e, “co obxectivo de dotar de liquidez ao empresariado pero tamén ás e aos contribuíntes e promotores, o Goberno de Lara Méndez habilitou unha serie de medidas que están a ter efectos sobre as arcas municipais. É o caso do adiamento do pago dalgúns dos gravames, como este do ICIO, pero tamén a exención total, por exemplo, das taxas de ocupación da vía pública por terrazas e caldeiros do polvo, ou mesmo a taxa de mercados polas que o Concello obtivo o pasado ano cero euros. Noutros casos, a cancelación de eventos culturais ou festivos implicou unha nula recadación por conceptos como a taxa por festas na rúa, a ocupación con casetas, etc…”

“Un contexto que afectou á baixa ao capítulo de ingresos pero que, en ningún caso, compromete a solvencia da Institución que, en 2020, abonou preto de 9.000 facturas a empresas e autonómos locais por importe de 53’7 millóns de euros”, subliñou Alvarellos Fondo.

Ademais, a responsable da área económica recordou que a área de Tesourería abonou no pasado exercicio económico o 96’67% das obrigas contraídas pola Institución, un concepto que aglutina o pago aos provedores pero, tamén, ás persoas beneficiarias das diferentes axudas e subvencións municipais que se convocaron, entre outras moitas partidas.

concelleira destacou a saúde económica da que goza a Administración local contribuíu a rebaixar, alén, o período medio de pago até os 8’2 días, por debaixo dun terzo do prazo legal pero o resto dos indicadores económicos que resumen as contas son tamén moi positivos, como o feito de manter a débeda financeira a cero, que a liquidez inmediata sexa do 253’45% ou a solvencia a curto prazo do 527’46%.

É dicir, en 2020 atendemos ao urxente, ao prioritario, sen descoidar as obrigas ordinarias – que nese ano alcanzaron unha maior transcendencia que en calquera outro – e sen minguar tampouco, ao contrario – o investimento público. Precisamente porque todos estes factores están relacionados. Pese a obter menos ingresos, pese a paralización que xerou a Covid, o Goberno local executou o 83% do gasto comprometido que superou os 104 millóns de euros e incrementou o gasto medio por habitante nun 15% pasando dos 795’46 euros investidos en 2019 aos 909’88 €”, resumiu, en conclusión, Paula Alvarellos.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Out 15, 2021 - 04:59 PM

    Bueno, o papel aguanta o que lle queiran poñer! A realidade é outra historia…….
    .

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com