" />

Arqueólogos da Xunta atopan un dolmen en excelente estado en Friol

Arqueólogos do Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sacaron á luz un dolmen en excelente estado de conservación situado no monte veciñal de Vilalvite, en Friol. O dolmen ten unha altura de 1,20 metros; ao redor vense restos dun túmulo moi rebaixado, que ten un diámetro de 6,30 metros no eixo norte–sur e conserva menos dun metro de altura.

O achado é unha estrutura composta por sete esteos chantados, unha lousa de cuberta e un oitavo chanto, actualmente depositado no chan, que puidera corresponder a outra lousa de cuberta. A entrada está orientada cara ao leste-nordeste. A lousa de cuberta ten 1,90 metros no eixo norte–sur e 1,50 metros no eixo leste–oeste; o grosor oscila entre os 30 e os 17 centímetros; está algo desprazada da colocación orixinal, presentando unha lixeira inclinación cara ao sur.

Nos últimos días completáronse os labores de limpeza da maleza que cubría o xacemento, nos que participou unha brigada do Concello de Friol. Desta forma, o dolmen queda visible e accesible para o público. Os arqueólogos da Xunta estudarán os achados para tratar de recabar toda a información precisa e iniciarán o proceso para incluílo no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Nunha primeira aproximación, constataron que conserva a planta na súa integridade, sendo uns dos dolmens mellor conservado de cantos se coñecen na provincia de Lugo. Explican que ven a reafirmar a riqueza do megalitismo no concello de Friol, municipio no que existen arredor de 250 túmulos inventariados. Entre outros, apuntan, sobresae o conxunto de túmulos de Narla, algún de ata 60 metros de diámetro, e mesmo o dolmen da Capela do Vieiro, non moi lonxe do que agora foi atopado.

Medio Ambiente humaniza Feira do Monte e Muimenta

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destina 123.000 euros a obras de humanización de rúas que se executan en Feira do Monte e Muimenta, en Cospeito, ao abeiro do Plan hUrbe. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a zona na que nos vindeiros días darán comezo os traballos, que teñen un prazo previsto de execución dun mes. Así, en varias rúas e espazos urbanos de ambas localidades, melloraranse os pavimentos de calzadas e beirarrúas, e instalarase novo mobiliario urbano. O proxecto prevé tamén actuacións puntuais para evitar a invasión da beirarrúa por parte dos vehículos e mellorar a imaxe estética colocando flores en macetas colgadas das varandas.

Dálle luz á túa factura

A nova edición da campaña Dálle luz á túa factura, coa que a Xunta busca asesorar aos consumidores galegos sobre como reducir o gasto en electricidade, visitará o vindeiro mércores, 11 de outubro, os concello de Guitiriz e Xermade para achegar aos veciños destas localidades consellos útiles cos que poder aforrar no recibo da luz.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa. As persoas interesadas poderán recibir esta información grazas as charlas que se están a impartir en varios concellos galegos. En concreto, o mércores terá lugar de 16.00 a 17.00 horas na Escola Habanera de Guitiriz, e de 18.30 a 19.30 da tarde, na Biblioteca Municipal de Xermade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo