Arranca a segunda tempada do ‘Coñece a túa provincia’

A Deputación de Lugo manterá aberto dende mañá martes, 18 de xaneiro, ata o día 1 de febreiro, o prazo de presentación de inscricións para participar na segunda edición do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia, unha iniciativa que a institución decidiu renovar tras a gran acollida da primeira edición.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria desta tempada do 2022, durante a que a Deputación ofrecerá un máximo de 3.036 prazas, repartidas en dous períodos: a primavera (de marzo a xuño), con 1.794 prazas, e o outono (de setembro a decembro), con 1.242 prazas.

Cada entidade interesada poderá presentar unha única solicitude, que poden enviar vía telemática a través da sede electrónica da Deputación; entregala no Rexistro da Deputación previa cita telefónica; en calquera dos rexistros que menciona a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; ou tamén nas oficinas de Correos. As condicións das viaxes e os itinerarios dispoñibles son os mesmos que a primeira tempada do programa, aínda que as persoas interesadas teñen toda a información na páxina web da Deputación de Lugo  www.deputacionlugo.gal).

A viaxe concedida a cada entidade beneficiaria incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo.

Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa. A relación de entidades admitidas e en lista de agarda, se a houbera, publicarase no BOP.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com