Arranca a última fase do derribo da antiga Residencia para crear un centro de maiores

Sete meses despois do comezo da primeira fase de derribo manual da antiga residencia de Lugo, hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo achegouse á cidade das murallas para comprobar o inicio da segunda fase de derribo, esta vez mecánico, do edificio da Residencia, onde irán ubicadas as instalacións do Centro de Maiores e do Centro Integral de Saúde.

O mandatario autonómico explicou que o Executivo xa resolveu o concurso de ideas para esta residencia de maiores que se lle concedeu ao Estudio de Elsa Urquijo, e que deberá presentar o anteproxecto, como tarde, no mes de agosto. Do mesmo xeito, Feijóo avanzou que mañá licitaráse a construcción do Centro Integral de Saúde. Prevése que as obras de derribo rematen antes do mes de outubro deste ano, para poder comezar as obras no 2020.

Feijóo aseverou que o obxectivo é recuperar e humanizar un barrio histórico da cidade e convertelo nun referente de modernidade, innovación, accesibilidade e sustentabilidade ”nun barrio do século XXI”, dixo. Poñer á disposición dos lucenses case 22.000 metros cadrados coa recuperación deste barrio, que manterá a súa estética pero eliminará as barreiras que impiden conectar dúas zonas da cidade, ao conectar a rúa Serra de Outes coa rúa Orquídea a través dun espazo agradable e con zonas verdes, explicou, incidindo en que o proxecto implica dotar este complexo de varios servizos: unha residencia de maiores, unha comisaría, un centro integral de saúde –o primeiro de Galicia-, unha nova oficina de emprego, unha central de biomasa que dará servizo ao complexo e un centro de emprendemento.

Para poder avanzar nel, o titular da Xunta aseverou que é imprescindible derribar o antigo Hospital Xeral, unhas obras que comezaron en decembro de 2018 e que constan de dúas fases: en primeiro lugar, realizouse unha demolición manual, coa retirada de todos os materiais reutilizables. E, unha segunda fase, que comeza hoxe, coa demolición mecánica.

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que boa parte deste espazo será ocupado pola residencia de maiores, coa previsión de que as obras comecen na primeira metade do vindeiro ano. Este centro, de 120 prazas, contará cun equipamento de primeiro nivel, e será unha das sete residencias que se construirán nas sete grandes cidades, e que ofrecerán en total 900 novas prazas de atención ás persoas maiores.

Así mesmo, e en relación ao centro integral de saúde explicou que, cun investimento de 12M€, contará cun centro de saúde, cun servizo de PAC/Urxencias, coa área de saúde mental e coa base para o 061, repartidos nun total de 8.000 metros cadrados en 6 plantas.

“E na parte traseira do antigo Materno irá tamén o Centro de emprendemento”, dixo, lembrando que a aceleradora aeronáutica, que está entre os servizos que albergará, xa está funcionando na Fundación CEL con 5 proxectos en marcha. Con respecto á nova oficina de emprego, explicou que se situará no antigo edificio da Escola de Enfermaría. E a central de biomasa, que dará servizo a todo o complexo, situarase no espazo que agora ocupan a lavandería e a central térmica.

Feijóo concluíu aseverando que o novo Barrio da Residencia formará parte da vida de todos os veciños porque significa mellorar a vida das familias, apostar por un modelo verde e innovar, co futuro centro de emprendemento.

No acto de inicio desta segunda fase de derribo estivo tamén presente a rexedora da cidade, Lara Méndez, destacou o labor dos veciños do barrio que non cesaron nas súas reivindicacións para que goberno estatal e Xunta realizaran, nestes edificios, as obras necesarias para asegurar unha nova vida ao histórico barrio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo