" />

Arrancan as obras de modernización da Praza de Abastos

As obras de modernización da Praza de Abastos arrancaron este martes. Cun orzamento de 1 millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a traveso do Plan Urban, os traballos teñen un prazo de execución de 102 días naturais, é dicir, tres meses e medio.

Para acometer as obras de maior envergadura, o recinto deberá ser pechado ao público dende o vindeiro martes e durante 33 días –ata o 12 de decembro-, nos que o Concello reubicará aos industriais, sen ningún custe para eles, no mercado municipal de Quiroga Ballesteros (os negocios de peixe e carne) e baixo unha carpa na Praza da Soidade.

A localización decidírona por maioría os propios praceiros nunha reunión celebrada o 26 de outubro. Durante os 33 días de peche, a empresa adxudicataria acometerá obras por valor de 560.000 euros, a metade do orzamento total do proxecto.

Máis espazo na parte central

Nesta segunda fase da reforma da praza de abastos liberarase o espazo central da primeira planta, abrindo dous ocos no eixo transversal, para lograr unha maior visibilidade de todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito. Trátase de adaptar a superficie comercial dispoñible á demanda, eliminando o efecto negativo que provocan os postos sen actividade e incrementando o seu atractivo e accesibilidade.

As obras afectarán a 17 postos, dos cales 5 están pechados. Os outros 12, pertencentes a 7 negocios, serán reubicados noutro espazo equivalente sen ningún custe para eles.

Aparcamento

Unha das principais intervencións será a comunicación da Praza de Abastos co aparcadoiro soterrado de Santo Domingo, o que permitirá dotala dunha zona de aparcamento. A conexión farase mediante un corredor de comunicación, unha vez que os técnicos determinaron que esta solución é viable. A creación deste acceso permitirá ademais poñer en valor os restos da calzada romana que se descubriron na escavación para construír o túnel.

Ascensor e montacargas

Tamén se proxecta mellorar a accesibilidade coa instalación dun ascensor e un montacargas para industriais e provedores. Ademais, poñeranse ao día todas as instalacións e sistemas de comunicación, e renovaranse os aseos, ademais de executarse os traballos previstos no estudo de residuos e na auditoría enerxética, que inclúen un cuarto de residuos preparado para a recollida selectiva, e a adaptación da iluminación, illamento externo e climatización, entre outras cuestións.

Outras das actuacións proxectadas son a reordenación de toda a zona de servizos da planta semisoto, a creación dunha zona apta para o mercado de martes e venres, e para a celebración doutro tipo de eventos, así como a renovación da cartelería e rotulación do conxunto da Praza e dos postos.

Completa a primeira fase

Con este proxecto complétase a reforma da Praza de Abastos, na que, nunha primeira fase, cun orzamento de preto de 400.000 euros, se cambiou a cuberta do edificio, atendendo á solicitude de priorizar esta actuación feita polos industriais, e no acondicionamento exterior, sobre todo na fachada de Santo Domingo, na que se cambiou a entrada á pranta semisoto.

O edificio da praza de abastos, do ano 1936, é de estilo racionalista e foi deseñado por Eloy Maquieira. Nos anos 90 levouse a cabo unha remodelación das instalacións, que a deixaron no estado actual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo