" />

Arroxo: “A rehabilitación da Tinería leva paralizada 4379 días”

Ediles do BNG no Concello de Lugo responderon hoxe ás críticas vertidas no día de onte polo Partido Popular nas que, mediante un contador, simbolizaban os máis de 400 días que leva parado o Novo Auditorio de Magoi. Pois, ben, os nacionalistas visitaron hoxe o barrio da Tinería, tamén cun contador activo, co que afirmaron que o proxecto de rehabilitación deste barrio do centro da cidade leva 4379 días paralizado. O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, explicou que “desde a volta do Partido Popular ao goberno galego paralizouse unha rehabilitación moi necesaria para Lugo”.

Arroxo explicou que “a chegada de Feijoo á Xunta de Galicia supuxo paralizar proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada, como a recuperación do Pazo de Dona Urraca ou a escavación da UI-7, onde se atopan os fornos”. “As representantes do BNG no Parlamento Galego levan desde o ano 2009 esixindo á Xunta de Galiza que continúe este proxecto”, explicou o nacionalista, que engadiu “estes proxectos teñen un gran potencial, dado que se poderían converter nun gran atractivo turístico para a cidade de Lugo”.

O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Rubén Arroxo criticou que “o estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo”, e comparouno “co impulso que desde o BNG estamos a facer no goberno do Concello de Lugo para mellorar a imaxe da Muralla”.

Novo Auditorio
O Portavoz Municipal do BNG explicou que “desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo estamos preparados para incluír o novo auditorio dentro da ampla oferta de actividades que achegamos desde a área de Cultura a toda a veciñanza de Lugo”. “Lugo xa conta cunha programación cultural de primeira calidade no auditorio municipal Gustavo Freire e no resto de instalacións municipais, e ampliarase unha vez solucionemos os importantes fallos técnicos que se atoparon no edificio que a Xunta entregou ao Concello”, afirmou Rubén Arroxo.

A este respecto respondeu tamén o grupo socialista, “estranado” polo posicionamento do PP que xa fora informado en Comisión de que o Auditorio non está en condicións de abrirse ao público porque, segundo o Goberno Local, “a Xunta de Galicia entregou o edificio e as instalacións, tras 15 anos de espera, cunha serie de carencias e deficiencias que deberán solucionarse antes da súa apertura para garantir a seguridade dos usuarios”.

“Neste senso, lembramos que a Xunta de Galicia xa é coñecedora destas deficiencias porque o Concello, o día da recepción das chaves, o 23 de xuño, solicitou que se incorporasen á mesma acta de recepción os distintos informes técnicos municipais que recollían as condicións nas que se entregaban. Nesta primeira valoración técnica se estimaba en máis de 300.000 euros o investimento que debería acometer o Concello antes da súa inauguración e posta en funcionamento”, advirten.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo