As altas médicas continúan a ser a causa principal do descenso de casos activos de covid na provincia

O descenso de casos activos de Covid na provincia é unha realidade dende hai case un mes. Logo de que xaneiro fora o mes do ascenso; febreiro, no que se acadou o número máximo de casos activos dende o inicio da pademia, pódese dicir, que foi o mes da estabilidade en moitos ámbitos e do comezo da baixada.

Con todo, malia a notable mellora das últimas semanas, hoxe aínda quedan na provincia 795 casos activos, moi por baixo dos 2130 do día 1 de febreiro pero aínda por riba do inicio do nadal, por exemplo no que este baremo situábase en torno aos 300 infectados. O certo é que, como vimos recoñecendo dende hai días, o número de infeccións activas ten que agradecer o seu descenso ao gran número de altas médicas que, diariamente, superan as cifras de novos positivos detectados, pero non é suficiente. 

Nas últimas 24 horas as probas diagnósticas realizadas na provincia revelaron 36 novos casos, algún máis que os detectados na xornada do sábado, con 25 casos ou na do venres cando se detectaban 28 novos positivos. Un aumento leve, pero estable e continuado no tempo, o que pon en perigo a baixada da incidencia acumulada da provincia. 

En canto á presión asistencial, mentres a pasada semana se comezaba a detectar unha leve baixada de infeccións nos centros hospitalarios, esta fin de semana este baremo repuntou ata chegar ás 43 persoas ingresadas en plantas de hospitalización e as 21 na UCI do HULA, a única que conta hoxe con casos covid.

Por hospitais, o HULA continúa a rexistrar o maior número de persoas ingresadas en planta por coronavirus con 29 pacientes. Asemade, no hospital da Costa e no de Monforte rexístranse 6 pacientes covid en planta de hospitalización en cada centro hospitalario. Por último, o Polusa hoxe conta con 2 persoas con infección activa de covid.

E mentres continúa en aumento a cifra de persoas que superaron o virus, e que xa superan as 10.500; mantense a cifra de falecidos dende o inicio da pandemia en 206, as mesmas dende o venres.

Neste senso, e dada a mellora rexistrada nas últimas semanas en toda a comunidade, no día de hoxe o Comité Clínico volverase reunir para analizar a efectividade das medidas restrictivas tomadas ata agora e valorar unha posible flexibilización. Se a pasada semana xa se permitiu, dende o Goberno galego, un lixeiro alivio das restriccións impostas, é moi probable que, da reunión de hoxe, saian novas medidas, máis flexibles que, segundo o Executivo, deberán realizarse con cautela para non estropear a boa tendencia das cifras. Informarémoslles puntualmente de todas as novidades.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com