" />

As mellores da seguridade viaria en 36 puntos do Camiño estarán listas para 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes de asociacións dos Camiños de Santiago da provincia de Lugo para informalos da marcha das obras de mellora da seguridade viaria que está a executar a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en puntos da ruta que conflúen con estradas autonómicas.

Arias incidiu en que as 36 actuacións programadas en 13 estradas de Lugo estarán listas a finais deste ano, para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera en 2022. “Con esta medida contribuímos a reducir a perigosidade en zonas conflitivas e tamén melloramos a estética do Camiño nestes tramos, que serán máis agradables e cómodos para transitar a pé”, dixo o delegado.

Apuntou que desde o mes de xullo trabállase con intensidade para acometer as obras programadas nos trazados Francés, Primitivo, de Inverno e Norte no seu percorrido por 16 municipios da provincia de Lugo, cun investimento total de 466.800 euros.

As estradas LU-633 e LU-530 concentran o 55% das intervencións previstas. Na primeira estanse a acondicionar 11 tramos que coinciden co Camiño Francés en Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Portomarín; mentres que na segunda estase a reducir a perigosidade en 9 puntos que conflúen coa ruta Primitiva no seu percorrido pola Fonsagrada, Baleira, Castroverde e Lugo.

Entre as obras máis relevantes xa iniciadas ou completadas, Arias referiuse ás realizadas no pq 35+300 da LU-530 na Fontaneira (Baleira), cun investimento de 137.500 euros para mellorar a seguridade nun cruce mediante o reforzo da sinalización, a construción dunha pasarela de madeira e a instalación de barreiras de seguridade.

Reducir os riscos en cruces
En canto ao resto das actuacións, a maioría delas en cruces, afectan a dúas vías máis do percorrido Francés -a LU-637 en Triacastela e a LU-613 en Portomarín-; outras catro do Primitivo -a LU-701 e a LU-740 na Fonsagrada; a LU-232 en Lugo e a LU-231 en Palas de Rei; tres vías do Camiño de Inverno, onde se actuará en catro puntos da LU-933 ao seu paso por Quiroga e en senllos cruces da LU-652 na A Pobra do Brollón e da LU-213 en Chantada; e dúas estradas do Camiño Norte: a LU-133 ao seu paso por Ribadeo e Trabada e a LU-132 en Lourenzá.

As intervencións son acordes ás necesidades de cada treito e contemplan medidas como o reforzo da sinalización; a construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; a instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos e a pavimentación da ruta con pedra, entre outras.

Por último, Arias referiuse ás diferentes medidas impulsadas pola Xunta para ofrecer aos peregrinos a mellor imaxe de Galicia neste Xacobeo 21-22. Así, ademais de levar tempo traballando no acondicionamento, a sinalización e o embelecemento do Camiño, estanse a realizar melloras nos albergues da rede pública e púxose en marcha o seguro coronavirus, que contribuíu a recuperar a confianza de turistas e peregrinos ao ofrecer de maneira pioneira a tranquilidade de ter cubertos os gastos sanitarios e de aloxamento ante unha infección por covid-19.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo