As películas que non debes perderte

Codex Cinema estreou este venres O hotel á beira do río, a cinta coreana dirixida polo mestre Hong Sangsoo. Este cineasta fundamental dos últimos 20 anos apenas tivo repercusión nas salas lucenses, posto que os seus filmes rara vez superan a barreira dos cinemas en versión orixinal. Sen embargo, nos festivais internacionais xa é moi recoñecido polo seu estilo persoal e pola súa independencia artística. Os filmes de Hong Sangsoo parecen contar sempre historias similares. Habitualmente seguen a un artista (cineastas, fotógrafos, pintores, poetas) que chegan a un pobo ou regresan dunha viaxe e viven una situación que lles fai cambiar a súa forma de ver a vida. A partir deste esquema argumental, Hong fai variacións continuas sobre os mesmos temas. A acción dos seus filmes sucede a través de longos paseos polos parques e zonas residenciais de diferentes cidades coreanas e tamén no interior dos bares. Moitas situacións dramáticas e cómicas deste cineasta veñen provocadas polo alcohol, momento en que se rompen as barreiras sociais e morais que deteñen aos seres humanos de seren completamente sinceros.

Desde a comedia e as situacións hilarantes, o cinema de Hong reflexiona sobre un mundo dominado pola hipocrisía das relacións sociais, sobre os medos e as dúbidas dentro das parellas de amantes, das falacias que moven o mundo da arte. As personaxes do seu cinema parecen intercambiables dunha película a outra. O seu cinema, debido a estes factores, foi comparado co de grandes mestres como Yasujiro Ozu (cambiando o sake polo soju) ou Eric Rohmer, mais Hong consegue trasladar un conxunto de imaxes, unha forma de facer cinema única. Sen apenas mover a cámara desde o seu propio pé, xoga continuamente cos movementos no seu propio eixo e co zoom para ofrecer unha forma de mirar aos personaxes completamente única. Pese a ser planos longos e únicos (unha escena se resolve case sempre nunha única toma), o desenvolvemento dos diálogos e as accións excéntricas dos personaxes fan que sempre sexa agradable de ver.

O hotel á beira do río é o seu último traballo ata a data, nunha carreira fulgurante, posto que acostuma a facer dous ou incluso tres filmes cada ano. Co paso dos filmes, o seu estilo volveuse máis claro e directo. Traballando sempre cos mesmos actores (ao igual que un dos seus mestres, Yasujiro Ozu) consegue con eles unha expresividade especial. Neste filme rodado nun marabilloso branco e negro, sobre paisaxes nevados, gaña peso o valor melancólico das imaxes. O cinema de Hong Sangsoo dos últimos anos volveuse máis amargo e tamén máis agresivo contra esa hipocrisía social que sempre aparecía nos seus filmes. Porque as continuas variacións sobre os mesmos temas, a recorrencia aos mesmos actores e lugares, non fai que o seu cinema resulte repetitivo, máis ben ao contrario, sempre temos a sensación de que estamos ante algo novo e especial. Ante a obra dun dos máis grandes cineastas deste século. 

Xunto a esta grande obra temos outra estrea importante. Intocable é un documental necesario. A crónica dunha vergonza. O escándalo dos abusos continuos do produtor de cinema Harvey Weinstein, que grazas ao seu poder dentro da industria conseguiu construír unha rede de extorsión e violación de mulleres, ao tempo que se gañaba o beneplácito dos seus compañeiros de profesión. Este documental retrata a este home que levaba unha dobre vida, a de salvador do cinema e a de monstro sen escrúpulos, mais tamén a hipocrisía da industria de Hollywood e dos grandes poderes económicos dos Estados Unidos, que preferiron mirar cara outro lado ante os moitos indicios que había das súas malas prácticas. O traballo de investigación e exposición da cineasta Ursula MacFarlane é exemplar e acaba por ser o retrato dun monstro, a vergonza dunha industria e un manifesto pola dignidade de todas as mulleres. Un exemplo de cinema comprometido e revelador co mundo dos nosos días.

 

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Lucia Barcelos
    Set 07, 2019 - 03:41 PM

    Boa peli

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo