" />

As primeiras axudas aos cines reforzan a viabilidade de 21 salas en 13 localidades

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación de preto de 240.000 euros ao abeiro da primeira convocatoria de subvencións á exhibición cinematográfica, da que resultaron beneficiarias 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades. Dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, consensuada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo hoxe un encontro cos representantes de dúas das salas beneficiarias: Xan Gómez, de Numax de Santiago de Compostela, e Luis Rivadulla, de Minicines Central da Estrada, integrantes así mesmo de Promio, a nova rede de exhibición independente a nivel estatal.

Xunto con elas, tamén figuran na resolución publicada hoxe na web da Agadic os Cines Avenida de Caldas de Reis, Cantones Cine, Cinesa Marineda e Cines Yelmo Espacio Coruña e Los Rosales da Coruña, Dúplex de Ferrol, Codex Cinema e Cines Cristal de Lugo, Cines Pontevella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Cines Ribadeo, Cinesa As Cancelas de Santiago de Compostela, Cines Salesianos, Gran Vía, Praza Elíptica e Yelmo de Vigo, Cines Gran Arousa de Vilagarcía, Cines Viveiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia.

Adaptación dixital e sanitaria
As contías outorgáronse en función do número de pantallas dos cinemas, primando ademais as salas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes e a proxección de filmes en versión orixinal. Serán destinadas especificamente á adaptación dixital e sanitaria dos espazos, a campañas para a captación de públicos e para a promoción do audiovisual galego, ao reforzo da programación de producións galegas e europeas e a accións especiais, como descontos ou convites, dirixidas á infancia, á xuventude e a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia.

Esta nova vía de apoio, dotada na súa convocatoria con 350.000 euros, insírese nos obxectivos asumidos polo Goberno galego a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19, especialmente no que se refire á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego. Dentro desta mesma dinámica, as salas de cinema contaron o ano pasado cun programa extraordinario de apoio por importe de 120.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo