" />

As sombras da arte en Codex Cinema

Nova semana en Codex Cinema onde a sala nos achega a dous filmes europeos que nos introducen na mente de dous creadores, nos falan das súas obsesións, dos seus procesos artísticos e do seu compromiso co seu traballo e co seu tempo. Filmes que falan da historia de Europa, das súas dificultades e da súa mentalidade.
Por unha banda, un ambicioso filme que pretende ser un fresco histórico xigantesco sobre o suceso que marcou o século XX: o ascenso do nazismo en Alemaña, coas súas consecuencias fatais para as seguintes xeracións. O filme segue a vida dun aspirante a pintor e a súa relación imposible coa muller que ama. Entre o melodrama e o thriller, o autor alemán Florian Henckel von Donnersmarck regresa ao seu país tras unha errada etapa nos Estados Unidos recuperando o pulo do seu primeiro filme, a celebrada A vida dos outros, coa que gañou o Óscar a Mellor Filme de fala non inglesa.
Ao igual que aquel, A sombra do pasado, que acollerán esta semana os cinemas lucenses, é especialmente interesante na súa reconstrución histórica e na forma que plasma as formas de pensar e os conflitos da época. Un filme que ten aspiracións de gran novela, coa súa visión da historia de Alemaña e de Europa.
No caso de Coñecendo a Astrid, a segunda proposta dos Codex para esta semana, a mirada non é tan ambiciosa. A súa protagonista, a escritora Astrid Lindgren, non foi protagonista de acontecementos históricos que aparecen nos libros, mais a súa obra foi, é e será recoñecida e amada por nenos e adultos de todas as xeracións. A súa obra máis recoñecida, Pippi Långstrump ou Pippi Mediaslongas, aparece como peza central do filme, de como a través da creación artística podemos superar as nosas frustracións e os nosos demos interiores. O filme de Pernille Fischer Christensen ten moito de encantador, pero tamén de escuro.
A vida desta muller non foi como os seus libros, senón que estes foron un espazo no que ela podía atopar esperanzas para seguir adiante. Unha obra redentora que se mostra na pantalla de forma tan orixinal como elegante. Estamos ante unha película feita con moito coidado e medios, cunha reconstrución do seu tempo exemplar, para coñecer ou reencontrarse cunha escritora esencial do século XX.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo