As Vilariñas, Rosalía e Alfonso Blanco, centro dunha festa poética en Guitiriz

A Casa Habaneira de Guitiriz acollerá o vindeiro 23 de febreiro dende as 19.00 horas, unha triple festa poética da man da NPG Nova Poesía Guitirica, na que aproveitarán para facer entrega dos premios do Certame Vilariñas 2018.
As Vilariñas, o Día de Rosalía e unha homenaxe poética a Alfonso Blanco Torrado, centrarán este evento poético no que recollerán candanseu premio Beatriz Dourado, Mila Villanueva e Cris Amoedo, e que consistirá nunha Vilariña deseñada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla.
Asimesmo, adiantan a este evento a conmemoración do Día de Rosalía co recital poetico musical de poetas da NPG Nova Poesía Guitirica para agasallar ás premiadas, nunha xornada con Rosalía de Castro como grande referente da poesía galega e con Alfonso Blanco Torrado de receptor do recoñecemento poético dos novos bardos guitiricenses.
O pasado ano, a NPG organizou o Dia de Rosalía na Escola Habaneira de Santaballa con notable éxito de participación nun acto adicado á emigración. Este ano, a celebración é múltiple e agarda varias sorpresas. Na parte adicada a Rosalía de Castro darase lectura ao manifesto da Asociación de escritores en lingua galega elaborado este ano por Ana Romaní.
A NPG naceu no dia 3 de Outubro de 2015 para o acto de homenaxe a Diaz Castro polos 25 anos do seu pasamento, nun encontro promovido por Alfonso Blanco e Xermolos na igrexa dos Vilares e aquel pequeno grupo de poetas guitiricos consolidouse e mesmo se ampliou, e desde aquela, ten promovido numerosas actividades, publicacións e mesmo certames como o das VILARIÑAS de micropoesía. Para aquel acto, Armando Requeixo compuxo un famoso manifesto que deu nome ao grupo NPG Nova Poesía Guitirica. Xulio Xiz, Man Castro, o propio Armando Requeixo e a Alcaldesa Regina Polín foron xunto cos poetas guitiricos quen fixeron uso da palabra naquel acto denominado Afillados de Pepe.
O #CertameVilariñas inspirou o seu nome no Vilariño dos Cregos, lugar de nacencia do poeta e no seu poema A Espada, en concreto o verso que fala das “Herbas pequerrechiñas” e o valor das coisas pequenas e que están a dar nome de ‘vilariñas’ aos micropoemas galegos, contando neste #CertameVilariñas2018 con 200 creacións presentadas.
Alfonso Blanco, defensor do legado de Díaz Castro, promotor desde Xermolos de publicacións de poetas locais da NPG como JAKI S. Quintela (Delta), Luz Campello (Do corazón da terra), André da Ponte (Sonetos ao Santo Alberte) e descubridor a través dos concursos escolares de Pardiñas de poetas como Fátima Fernández ou Branca Villar, ten un lugar destacado na NPG e nos agarimos da poesía chairega.
Será pois, un acto de afirmación poética das terras de Guitiriz, da poesía galega en pequeno formato (Vilariñas), un novo clamor á nosa poeta máis representativa (Rosalía) e un recoñecemento á labor de Alfonso Blanco Torrado pola poesía e por ter rescatado para o mundo ao noso grande poeta Xosé María Díaz Castro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com