A asociación Si, hai saída manifesta a súa preocupación ante a situación dos Xulgados de violencia machista e demais Institucións durante os meses de verán

Marta Rodríguez Engroba

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero manifestamos a nosa preocupación pola situación de práctica paralización, cando non total, dos Xulgados de violencia de xénero, así como do resto das Institucións ou Organismos que, dun ou doutro xeito, teñen competencia tanto na axuda e asistencia as vítimas da violencia machista e as súas crianzas, como na adopción de medidas contra os seus agresores, por mor do período vacacional.

Consideramos sumamente grave o feito de que, nunhas datas, como son os meses de verán,  nos que cada ano se produce un máis que evidente repunte de episodios de violencia de xénero, con  resultados as veces tráxicos, Xulgados, Comisarías, Puntos de Encontro,  mesmo centros sanitarios, e, en xeral, todas aquelas entidades  imprescindibles para asistir as vítimas,   vexan o seu persoal notablemente mermado, o que constitúe, no noso xuizo,  ademais dunha temeraria imprudencia, unha máis que patente contradición  con esa prevención da que tanto se fala e que, obviamente, non se está levando a práctica.  E unha incoherencia falar de pactos, de implantación de medidas, cando se deixan de lado aspectos tan básicos e tan fundamentais  que abocan as vítimas a unha situación de case total desprotección, malia ser algo que se repite ano tras ano, e para o que nin se busca, nin, obviamente se acada, ningunha solución.

Non deixamos de entender que o persoal destas entidades ten dereito as vacacións e ao descanso, pero sen que isto vaia en detrimento da seguridade das vítimas da violencia machista.

É  responsabilidade de cantos teñen competencias e atribucións neste eido previr e arranxar o que non se pode calificar máis que como grave irresponsabilidade e evitar que as mulleres e as crianzas que están a sufrir malos tratos vexan incrementado o xa de por si elevado risco que é o seu día a día.

Os maltratadores non pechan por vacacións. Pola contra, nesta época adoitan a exercer a súa violencia dun xeito aínda máis brutal.

Expoñer as súas vítimas a un risco certo, minimizar o perigo que corren, e obviar o que a desprotección a que se ven abocadas nestes meses pode  supoñer para elas e outro xeito de maltrato,  o inflixa quen o inflixa, que ninguén o esqueza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

0 Comments
scroll to top