Besteiro compromete un gran acordo de país con médicos e persoal sanitario para rescatar a sanidade pública e acurtar as esperas

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu hoxe con médicos e persoal sanitario un gran acordo de país con 15 eixos para recuperar a sanidade pública, universal e de calidade “logo dos recortes do PP”.

Besteiro presentou este acordo nun encontro sectorial con persoal sanitario en Burela, baseado en rescatar a Atención Primaria, duplicar os profesionais de Saúde Mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas.

Tamén anunciou un Plan de choque para incrementar o investimento na sanidade pública, reforzando a “Atención Primaria, garantindo a cita co médico de cabeceira en menos de 48 horas e acceso a un centro sanitario en menos de media hora para toda a cidadanía. Ademais, habilitará o uso das instalacións hospitalarias en horarios ampliados con contratacións extraordinarias para rematar coas listas de espera de consultas, probas diagnósticas e cirurxías”.

O candidato socialista comprometeuse a “recuperar de forma progresiva o investimento recortado polo PP, que fixo de Galicia a segunda Comunidade Autónoma con menos investimento, apenas un 14% do Orzamento. A sanidade publica está enferma coas políticas de Rueda pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección”, engadiu.

Alertou de que actualmente hai “11.500 nenos e nenas galegos de 122 concellos que non teñen servizo de Pediatría, polo que garantiu o servizo en todo o territorio. Tamén anunciou o reforzo dos recursos de hospitalización a domicilio e o aumento do volume de ambulancias na rede galega incorporadas ao sistema público”.

 Saúde Mental

Gómez Besteiro explicou que no seu primeiro mandato “duplicará os especialistas en Saúde Mental, incorporando esta especialidade á Atención Primaria. Estas medidas, que permitirán reducir as esperas e garantirá tempos de consulta axeitados, complétanse cun plan de prevención das condutas suicidas en cada área sanitaria, que terán ademais unha unidade de atención e hospitalización infanto – xuvenil”.

Subliñou que os datos de Galicia son “verdadeiramente alarmantes”, xa que é a “segunda Comunidade Autónoma coa maior taxa de suicidios, cun caso ao día -340 ao ano-, e os galegos son os que máis psicofármacos consumen”.

O responsable socialista advertiu que esta é a consecuencia da nula atención do goberno galego, que permanece impasible mentres os galegos ven imposible seguir terapias con tempos de consulta axeitados. Besteiro adiantou tamén que os socialistas galegos impulsarán a integración dos centros de adicións e saúde mental á rede pública do Sergas.

Melloras profesionais

Besteiro explicou que incrementará o número de profesionais sanitarios, mellorando as condicións laborais e incentivando as prazas de difícil cobertura e reformulará os “ centros de orientación familiar para convertelos en centros de saúde sexual e reprodutiva para toda a poboación, asegurando o dereito á interrupción voluntaria do embarazo dentro da sanidade pública e en tódalas etapas”.

A Mariña

Nun encontro con colectivos sanitarios subliñou que esta comarca é “a mostra das consecuencias reais dos recortes do PP, logo de desmantelar os servizos do Hospital da Costa ao suprimir a Área Sanitaria da Mariña.  Neste momento, engadiu, carecen de servizos básicos, demostrando que a supresión só provocou a perda de servizos, e pediu o voto da Mariña para restaurar os servizos sanitarios dunha comarca “sistematicamente maltratada” pola xestión do PP”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com