Besteiro: toda a Mariña terá conexión rápida por estrada, unha demanda histórica da provincia

Besteiro participou nun mitin na Casa da Cultura focense, onde ratificou que a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte, de Ferrol a San Cibrao, será a primeira obra que fará na provincia cando chegue á Xunta. “Acabarei cos quince anos de parón total que impuxo o PP a esta obra estratéxica para a mobilidade e o desenvolvemento da comarca”, asegurou o candidato, quen lembrou que os dous únicos tramos feitos –as variantes de Xove e Ortigueira- “deixounos licitados o Goberno de Touriño”. “A Xunta inclúe partidas nos Orzamentos que son insuficientes e que, por riba, nunca executa”, denunciou.

Xunto ao desbloqueo da VAC, José Ramón Gómez Besteiro garantiu o impulso do Goberno do Estado á Autovía da Mariña (A-74), entre San Cibrao e Barreiros. De feito, confirmou que o primeiro tramo, de Foz a Barreiros, sairá a contratación neste mesmo ano 2024. Esta infraestrutura dará continuidade ao eixo viario da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, e cerra o triángulo formado pola Autovía do Cantábrico no tramo galego entre Ribadeo e Baamonde e a autovía AG-64 (Ferrol Vilalba).

O candidato socialista activará nada máis chegar á Xunta un plan de choque para rescatar a sanidade pública, en especial a Atención Primaria, con máis investimento e máis persoal, condicións laborais dignas, e coa garantía de obter cita en menos de 48 horas co médico de cabeceira.

Besteiro daralle solución ao “estado crítico” no que o PP deixa a sanidade pública na Mariña, con falta de médicos e pediatras nos centros de saúde de practicamente todos os concellos.Puxo como exemplo a ”situación especialmente grave en municipios como Viveiro, onde as familias non teñen pediatra dende hai máis dun ano e chega a haber só dous médicos de cabeceira para 16.000 habitantes”.

O candidato á Xunta, incidiu en que o PP, con Feijóo e Rueda, incumpriu as competencias que lle atribúe o Estatuto de Autonomía á Xunta en materia de industria. Unha “ausencia que deixa un regueiro de empresas referentes pechadas na Mariña -Vestas, Albo, Ecar, Muebles Hermida, IVP, Gres Burela, Ecesa, Conservas Alonso, entre outras- e ducias de postos de traballo destruídos, ademais dunha continua perda de oportunidades inversoras para a comarca”.

O candidato socialista acusou a Rueda  de “falta de iniciativa e de solucións ante a situación de Alcoa, mentres que os socialistas, dende o Goberno do Estado e dende o partido en Galicia, estivemos sempre dando a cara para que a empresa cumprira os acordos cos traballadores” . Asemade lembrou Besteiro, que o “PP traizoou á Mariña con Altri prometéndolle aos mariñanos que a fábrica téxtil se ía instalar na comarca para logo “deixalos tirados, sen este proxecto e sen ningún outro”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com