O BNG-AA propón mellorar a accesibilidade ao Centro de Saúde de San Roque

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo avanzar na mellora da accesibildade na zona de Fontiñas despois de onte a rexedora, Lara Méndez, anunciase a instalación dun ascensor para unir Fontiñas coa rúa Ramón Montenegro. Arroxo apostou por “avanzar na mellora da accesibilidade nesta zona da cidade e concretamente ao Centro de Saúde que ten unhas pendentes importantes” e engadiu “a accesibilidade a este Centro de Saúde foi un problema dende o momento da súa contrución e agora é o momento de resolvelo”.

O voceiro nacionalista explicou que existe a posibilidade de instalar unha rampla mecánica como as que xa existen en moitos concellos de Euskadi para facilitar o acceso dende Fontiñas ás inmediacións do Centro de Saúde. A rampla podería ser instalada en paralelo á beirarrúa da rúa do primeiro tramo do Carril do Xuizo. Arroxo sinalou que habería que estudar tecnicamente cal é a mellor opción. Ademais o voceiro do BNG sinalou a posibilidade de completar a mellora da accesibilidade colocando un pequeno elevador a carón das escaleiras da rúa Peña Anda.

Rubén Arroxo lembrou, tamén, que o goberno municipal ten pendente dar solución ao ascensor do Sagrado Corazón. “Unha infraestrutura que fora presentado polo anterior alcalde no ano 2014 cunha posta en escena moi similar á utilizada onte pola alcaldesa en Fontiñas, pero que aínda está sen facer” apuntou Arroxo. Para o BNG-AA “ademais da inclusión das partidas orzamentarias necesarias e os anuncios mediaticos, o goberno ten que ter a firme convicción de querer facer as cousas para que estas queden rematadas e faciliten a vida das persoas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com