O BNG denuncia que Lugo “tampouco terá zona de baño pública no 2018”

O BNG–Asambleas Abertas denunciou, a través do seu voceiro Rubén Arroxo, que o concello de Lugo non poderá ter o ano que vén a zona de baño pública, xa que unicamente solicitou, ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a instalación de estruturas para a creación desta área para o período do verán de 2017. Arroxo sinalou que “esto implica que todo o procedemento feito polo concello xa non é válido para o ano vindeiro” e engadiu “Lugo tampouco terá zona pública de baño no ano 2018 e a alcaldesa e o seu equipo volverán a tratar de enganar a lucenses e visitantes con marañas administrativas e trámites inexistentes, cando a realidade é que o PSOE non quere que Lugo teña zona pública de baño”. 

Arroxo lembrou como a alcaldesa, Lara Méndez, fixo declaración públicas asegurando que Lugo tería praia fluvial “máis pronto que tarde” pero a realidade é que “nin 2011, nin 2012, nin 2013, nin 2014, nin 2015, nin 2016, nin 2017, nin 2018”. O voceiro nacionalista sinalou, tamén, que “o PSOE, no goberno provincial, impediu que o BNG executara o acceso ao río que tiña autorizado por Confederación e Xunta para a zona de As Saamasas” e explicou que “neste verán tivemos os permisos correspondentes da Xunta e a Confederación para instalar un acceso seguro ao río na zona de As Saamasas pero a Deputación non respondeu xa que a propietaria do terreo é a Deputación”. 

Para o BNG a posición que ten o PSOE a respecto da zona pública de baño no Miño é a de “non facer, nin deixar facer”, engadindo ademais que se destaparon “todas aquelas falacias soltadas polo propio goberno” de que era imposible facer esta infraestrutura en Lugo, ao descubrir o BNG, e facelo público, que o goberno municipal nunca rematara as xestións administrativas necesarias “o PSOE vai lograr algo inaudito, impedir que unha iniciativa positiva para Lugo como é esta, e con todos os permisos aceptados, quede paralizada polos seus caprichos” explicou Rubén Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com