Cando en 1967 nacía aquela fermosura radiofónica que se chamaba Radio Popular de Lugo, mozos e mozas poboadores daquela marabilla sonora poderiamos cantar canda Serrat aos nosos gozosos vinte anos.
Era unha iniciativa relixiosa, gobernada por civís que nos fixemos maiores pola forza da palabra, pola liberdade que empuxaba, pola vida que nos levaba.
Alí estaba Jesús López Calaza – Bórtolo era o nome familiar, – que para quen coma min librara da mili por causas de forza maior, saber que controlaba máquinas, potenciómetros, enerxías e emisións porque aprendera no Exército en pacíficos combates, situábao en situación de privilegio dentro daquela factoría de sons.
Bórtolo era como o bo pan do pais. Sempre de bo humor. Non o recordo nunha alterado ou de mal xenio. Era unha fonte de tranquilidade e paz. Mesmo cando algo nos agobiaba, confesaba que para el vir á radio era un relax, porque o verdadeiramente complicado era montar televisores, a súa paixón. Gardo unha serie de traballos que lle publiquei en prensa sobre a TV a cor que chegaría moito tempo despois.
Víámonos de cando en cando. Unha vez cando a súa filla Mónica gañou o Certame de Arte de Begonte. Ben veces camiñando coas nosas parellas (MªJosé e Merce) pola beira do Miño. Sempre, como dicía Manuel María, coa ledicia por bandeira. A última vez, este outono, confesounos sorrinte que tiña un mal dentro, co que estaba loitando. Coñecéndoo, demos por feito que sairia vencedor. Non puido ser. Despedímolo este luns.
Descanse en paz quen paz repartiu entre sorrisos, e encaixaba tan ben naquela definición de don Antonio Machado: ”Era, en el buen sentido de la palabra, bueno”.


