Son os anos…

Anos e experiencia permítenme ser un optimismo relativo que ve o arredor coa mellor das perspectivas, estimando que a maioría das persoas fai as cousas o mellor que pode, e as administracións teñen intención benéfica nas accións que enfrontan.

Os anos danme memoria doutros tempos, e a conveniencia de “mirar para atrás sen ira” (Jhon Osborne dixit) permíteme recoñecer que cando Alfonso Guerra dixo que despois do paso dos seus polo Goberno a España “non a ía recoñecer nin a nai que a paríu” tiña toda a razón do mundo. E sen pensar que todo vai ben, considero que a situación social que nos rodea é manifestamente aceptable.

Un amigo extráñase do voto masivo polo partido que goberna Galicia diante do desastre da sanidade, o fracaso da educación, o vilipendio da lingua, o estado das estradas, da economía, da agricultura, da gandería…e o descenso da natalidade. Durante a pasada campaña electoral pouco escoitei falar dos temas que preocupan ao meu amigo, quizais porque a situación é mellor ca a que el aprecia e nin a lingua está agredida en Galicia, nin a educación floxea, nin a sanidade deixa de estar á altura das mellores.

Os anos permiten apreciar o longuísimo camiño percorrido en sanidade, educación e lingua, como en economía e sociedade no último medio século, que máis ou menos ven coincidir coa previsión do moderado Guerra, en tempos vitriólico vicepresidente dun goberno de esquerdas.

Que todo sexa mellorable non permite afirmar que o que nos rodea sexa un desastre. Quen vexa todo ben, pecará de excesivo optimismo. Quen vexa todo mal, debe revisar o seu sistema de percepción. E todos, agardar que pasen os anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com