imaxe de stock

Candia apoia a candidatura da festa patronal galega como Ben de Interese Cultural

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, defendeu esta mañá “o arraigo ao longo do tempo” das festas parroquiais que constitúen “unha tradición cultural viva e contribúen decisivamente na identidade e a cohesión social dos veciños e veciñas dos pobos e vilas de Galicia” durante a presentación de dúas iniciativas que, de forma conxunta, teñen como  obxectivo acadar a declaración da festa parroquial ou patronal galega coma Ben de Interese Cultural (BIC).

Candia incidiu no seu valor social polo feito de “dar pe ás reunións familiares arredor do día do patrón” e tamén na súa capacidade por “xerar riqueza nos nosos pobos, aldeas e parroquias”.

Manifestaba así a popular o seu apoio á solicitude que realizarán á Xunta de Galicia nos vindeiros días co obxectivo de dar inicio aos trámites para acadar esta declaración dende a Asociación Galega de Orquestras (AGO) tal e como expuxeron o seu presidente, Manuel Fariña, e a advogada de AGO, Raquel Grela Barreiro (Auren).

Dende a AGO afirman que “a festa parroquial galega é un fenómeno cultural inmaterial de seu, que recolle toda unha serie de tradicións, vivencias e modos de organizar o tempo de lecer do noso país. Unha tradición de longa historia que chegou aos  nosos días principalmente pola implicación  desinteresada do pobo, das xentes que conforman as diferentes comisións de festas que existen en cada parroquia”. Por iso, cren que “deixar desaparecer as festas parroquiais suporía perder un dos nosos signos de identidade e, precisamente para evitalo, tomamos esta iniciativa ao entender que a declaración como BIC contribuiría a estimular o desenvolvemento de políticas de estudo,  protección e impulso das mesmas”.

Igualmente, as deputadas do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e Sandra Vázquez, avanzaron a proposta para debater no Parlamento galego unha proposición non de lei (PNL) co obxectivo de instar ao Goberno galego a que recoñeza ás festas parroquiais galegas como Patrimonio Cultural  inmaterial de Galicia na súa categoría de Ben de Interese Cultural.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com