Candidatas do BNG por Lugo e Ourense piden que se recuperen as competencias das concas hidrográficas galegas

As candidatas polo BNG ao Congreso nas circunscricións de Lugo e Ourense reivindicaron, dende Lugo, a necesidade de que Galiza recupere as competencias sobre as concas hidrográficas galegas. Para o BNG “a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais” e por iso, segundo Olalla Rodil e Noa Presas, “a presenza do BNG no congreso é fundamental para que non volvan darse atentados contra os nosos ríos como o da Fábrica da Luz”.

No acto simbólico, feito ao pé do espigón existente do río Miño á altura das Saamasas,  ámbalas dúas candidatas estiveron acompañadas de cargos orgánicos e institucionais do BNG. Con carteis nos que figuraba o lema Gobernemos Nós os Nosos Ríos, as candidatas do BNG lembraron que “é unha reivindicación histórica do BNG recuperar as competencias, para Galiza, sobre a conca hidrográfica do Miño e do Sil”.

Olalla Rodil, candidata por Lugo, explicou que “fixemos este acto de xeito conxunto por que hai moitas cuestións que afectan a Lugo e a Ourense e tamén para rachar coa esa división artificial das provincias, por que temos moitísimas problemáticas conxuntas”. “Temos que denunciar este tipo de obras e decisións xa que son inadmisibles e sumámonos aos colectivos ecoloxistas e sociais que levan moitos meses a defender o río” sinalou Olalla Rodil.

Rodil criticou o feito de que a Confederación Hidrográfica e as outras administracións actuaran “unha vez producido o dano e acumulando unha serie de informes, sancións e despropósitos que, ademais de permitir este atentado paisaxístico, van repercutir sobre a economía do concello de Lugo e por tanto sobre as veciñas e veciños”. Olalla Rodil referiuse á resolución da Confederación Hidrográfica  na que se grava todo o peso deste atentado ecolóxico sobre o concello de Lugo, cando existe unha empresa que foi a executora desta obra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com