Candidatos aos Mestre Mateo comparten experiencias cos alumnos da Escola de Imaxe e Son

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC compartiron este xoves experiencias con tres dos candidatos á mellor longametraxe e documental aos Mestre Mateo 2015, dentro dos Encontros que organiza a Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á gala de entrega destes premios.
Na mesa redonda participaron Jaione Camborda, coguionista da película Os fenómenos; Marcos Nine, director e montador do documental A viaxe de Leslie; e Antonio Caeiro, director e guionista do documental A volta dos nove.

No acto de presentación, o patrón da Fundación TIC Álvaro Santos destacou “a gran oportunidade que supón para os nosos alumnos aprender dos mellores profesionais e, neste caso concreto, coñecer de primeira man como se elabora un guión de longametraxe, o proceso para a elaboración dun documental e a importancia fundamental que ten a montaxe no produto final”.

Santos subliñou que “este contacto directo co mundo do cine e do audiovisual é un dos piares do noso modelo de formación, de feito, un dos nosos convidados, Marcos Nine, xa é un vello coñecido dos alumnos, aos que lles impartiu unha master class na EIS”. Ademais, lembrou que este ano “cinco traballos dos nosos alumnos e titulados estiveron entre os preseleccionados aos Mestre Mateo e diversas categorías”.

Os fenómenos opta á mellor longametraxe xunto a A Esmorga, El Niño e Schimbare, e Jaione Camborda ao mellor guión, xunto co director da cinta, Alfonso Zarauza. A película, que conta no seu reparto con Lola Dueñas e Luis Tosar é un drama de corte social que aborda a crise do sector da construción a través dos ollos dunha muller. A protagonista decide volver ao seu pobo natal e, despois de numerosas dificultades, atopa un emprego de peón albanel.

A Viaxe de Leslie e A volta dos nove compiten cos documentais Angrois no esquecemento e Funes, o inventor da lúa. Ademais, o director de A viaxe de Leslie, Marcos Nine, tamén é candidato á mellor montaxe. De feito este documental ten un gran traballo de edición, xa que está realizado por completo con material de arquivo, co obxectivo de recrear a morte dun dos grandes actores de Hollywood, Leslie Howard, protagonista da mítica Lo que el viento se llevó. O documental afonda nun fito histórico: o falecemento do actor nas inmediacións de Cedeira, tras ser derribado o avión no que viaxaba en xullo de 1943 por varios cazas alemáns.

Polo que se refire a A volta dos Nove, no que traballaron durante oito anos Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, céntrase en relatar a historia dun “paseo” durante a guerra civil española, no concello de Baiona. Neste caso, é un traballo de memoria oral no que se descubre a enigmática historia dunhas cruces que durante máis de 40 anos foron marcadas no chan da curva Bombardeira do quilómetro 58, na estrada entre Baiona e A Guarda.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com