Capitán América: Civil War (e o cine de superheroes) por Miguel García Otero

As películas de superheroes xa se converteron nunha constante nas nosas salas de cine. Desde o ano 2008 estreáronse ó redor de 40 cintas deste tipo, e para gran parte do público o interese inicial xa fai tempo que tornou en indiferenza. E enténdoo. Con todo, se nos sumerximos un pouco nesa masa homoxénea que parece ser o ‘’cine de superheroes’’ podemos chegar a atopar algunhas obras verdadeiramente notables. Ese é o caso de Capitán América: Civil War.

Esta é sen dúbida a película máis adulta de Marvel ata a data. E con adulta non me refiro a máis seria ou máis escura. Non deixa de lado o humor e segue mantendo (en parte) o ton distendido deste tipo de producións, pero afástase do arquetipo habitual de ‘’superheroe contra vilán’’ para abordar temas máis complexos desde unha perspectiva moito máis madura.

Neste caso, o conflito xurde tras un accidente producido nunha das operacións dos superheroes. As Nacións Unidas esixen responsabilidades por todo o ocorrido e piden ó grupo que se acolla a un acordo mediante o cal a organización dos Vengadores pasará a constituírse como organismo público a cargo da propia ONU. Por mor disto prodúcese un cisma entre os que apoian a acta e os que consideran fundamental manter a súa independencia. E esta é a clave de Civil War: o verdadeiro conflito é ideolóxico. Hai secuencias de acción, por suposto, e de feito son espectaculares, pero o que as fai realmente magníficas é que non son de balde, non se sustentan sobre a nada senón que son o resultado do conflito de dous grupos antagónicos defendendo posturas diferentes. E o mellor é que ti, como espectador, tampouco estás seguro de quen leva a razón.

O resultado é unha das mellores películas de superheroes a día de hoxe. É unha das máis complexas, ambiguas e intelixentes. O ritmo e os diálogos son áxiles e a acción é frenética. Non vou a dicir que non teña problemas ou que sea unha filme imprescindible para calquera cinéfilo, pero o que sí e seguro é que é unhas das obras máis sólidas do xénero, que pode que lle guste mesmo a aqueles ós que non lles interesan os superheroes.

Paréceme fundamental contextualizar unha obra antes de falar dela. Algúns clásicos non serían tal se os illamos das súas circunstancias e algunhas películas que agora nos encantan ao final non aguantarán o paso do tempo. Se de todos os xeitos isto non che interesa, despois da imaxe falo da película.

Creo que O Cabaleiro Escuro (2008, Christopher Nolan) estudarase en clases de Historia do Cinema non dentro de moitos anos. E non o digo porque sexa unha película excepcionalmente boa, senón porque teño a sensación de que é a culpable da avalancha de películas superheroicas que nestes anos asolagan os nosos cinemas.

Resulta irónico, ademais, que sexan precisamente as cintas de Nolan unhas das que máis se afastan de todos os elementos clásicos do cinema de superheroes. Si, é verdade, Batman é o protagonista e pola triloxía van desfilando un tras outro algúns dos viláns máis clásicos do morcego, pero pola súa estrutura e polos seus temas e a maneira de tratalos, estas películas (sobre todo as dúas últimas) teñen moito máis de thriller que de película de superheroes ao uso. Á marxe diso, estou seguro de que o éxito do que gozaron e o salto de calidade respecto da inmensa maioría das súas compañeiras de xénero responde moito máis o feito de tomarse en serio a si mesmas que ao de contar cun director moi recoñecido ou cunha repartición moi cara.

E con isto non me refiro, en absoluto, a que sexa necesario renunciar ao humor ou a deixar de lado os superpoderes e a ciencia ficción, senón a que facer unha película de superheroes non está necesariamente rifado con deixar de lado as tramas simples e absurdas, as personaxes planas, o humor casposo e a espectacularidade gratuíta. Aos poucos parece que a industria foi aprendendo a lección e a pesar da saturación(excesiva) que sufrimos hoxe en día o certo é que as películas deste xénero que podemos gozar agora son moito máis redondas do que imaxinariamos hai algúns anos. Vale, é verdade que ningunha película deste tipo vai entrar no Olimpo do cinema (non, ti tampouco cabaleiro escuro, síntoo), ou polo menos ningunha das que se fixeron ata agora, pero no persoal fun a ver a gran maioría das realizadas nos últimos anos e en moi poucas saín coa sensación de perder o tempo.

E iso é porque Marvel prestou atención. Ah, que non o dixo? Falo exclusivamente de Marvel. O resto de estudos (a Fox en menor medida) levan anos estrelándose contra un muro unha, e outra, e outra vez. Sony fixo con Amazing Spiderman unha película de superheroes das de principios de século e DC…,  foder, DC entendeu a mensaxe fatal.

O caso de DC Entertainment é un clásico oír campás e non saber onde soan. Confunde o maduro co serio e o adulto co aburrido. Segue tendo complexo contra o cinema de superheroes (no home de aceiro non se menciona nin unha soa vez a palabra Superman) e parece crer que a forma de situarse por encima é envolvéndoo todo en atmosferas moi escuras coma se así fóra a parecer máis interesante. Entendeu as cousas do revés e o resultado é que parece igual de adulto que un adolescente cun cigarro.

E mentres a estes séguenlles chovendo as críticas máis dun mes despois de Batman v. Superman, Marvel estrea a súa mellor película ata a data.

Capitán América: Civil War

O das adaptacións cinematográficas é un terreo demasiado confuso como para tratalo aquí. Noutro momento poida que escriba sobre iso, pero por agora poderiamos deixalo en que se unha película aspira a ser algo máis que un complemento debería funcionar por si mesma. Se ademais pretende ser unha boa adaptación, máis que replicar unha por unha as escenas da obra orixinal debería conservar o motivo último que a fai única. Pois ben, Civil War ten moito do primeiro e moi pouco do segundo.

Lin por aí que a película se parece ao cómic o que un can verde a un dinosauro, e non podería estar máis de acordo. Este arco en concreto é unha das poucas cousas que lin do Universo Marvel, e desde esta posición advirto a todos os que tamén o fixeron: non esperedes ver esa Civil War, porque vos levaredes unha decepción. Son un gran amante da literatura e o cómic e ao longo dos anos vin pasar tantas adaptacións por diante dos meus ollos que creo que xa aprendín a non ter expectativas, e paréceme que esa é a actitude que hai que levar posta ao cinema. Neste caso desde logo funcionou. De todos os xeitos, tendo a creación orixinal tan próxima referireime ao cómic nalgunha ocasión, porque creo que foi clave na toma de certas decisións.

Un repaso rápido. Os Vengadores xa levan anos existindo como organización privada e de cando en vez, no seu afán por combater contra todos os males do mundo producen danos colaterais que afectan directamente á poboación civil. Tras a morte de 11 persoas en Lagos(Nixeria) debido a un accidente, a ONU decreta que todos os superhumanos deben aterse aos Acordos de Sokovia, mediante os cales a organización dos Vengadores pasará a ser un organismo internacional ao servizo dos países do mundo. Como consecuencia, prodúcese unha división do grupo en dous bandos: os que apoian os acordos(liderados por Iron Man) e os que non(liderados polo Capitán). Creo que aquí se produce o primeiro e máis grande fallo da película.

No cómic tamén se producía un accidente, e tamén se tentaba intervir para tratar de controlar aos heroes, pero había un matiz que creo que é moi importante: neste caso pedíaselles desposuírse das súas identidades secretas, e de aí partía o conflito. Non teño a obra precisamente fresca, pero si lembro que un dos argumentos máis potentes do bando rebelde era a inseguridade á que se verían expostos os superheroes e as súas familias se os seus nomes se facían públicos. Aínda que non estivesen de acordo nas formas, case ninguén parecía opinar que non fose necesaria unha toma de responsabilidades polos seus actos e os accidentes que estes provocaban. Neste caso non é así, e o conflito parece que vén dado máis por desacordos persoais que ideolóxicos. A ambigüidade (que era o que facía tan grande a obra de Frank Milleiro) disólvese e fai que se esfume a sensación de non saber quen fai o correcto. Non quero dicir que na película creasen malos e bos, pero cando lin o cómic fun incapaz de decidir quen cría que tiña razón ata case o final mentres que aquí elixín moralmente bando aos 20 minutos, e a película non parecía esforzarse moito en facer que cambiase de opinión. Aínda por riba, en cada obra decanteime por un diferente.

Creo que aquí, e a pesar de ser a súa película(é fácil esquecerse diso)/diso), trataron moi mal ao Capi porque o converteron nun rebelde sen causa, máis preocupado por axudar ao seu amigo(ao que, por certo, non se molestan demasiado en facer que apreciemos de verdade) que polo ben común. Teño a impresión de que a xente tende a situarse ao lado dos rebeldes, pero para iso necesítase un motivo suficientemente potente e aquí non o hai. Levan varias películas esnaquizando edificios e deixando caer cidades do ceo (superheroes, xa sabedes), e aínda que evidentemente iso non os converte en viláns creo que está bastante claro que hai que tratar de medir as súas actuacións. Non se lles pide que desvelen as súas identidades secretas porque non as hai (Marvel non construíu o seu Universo Cinematográfico ao redor diso)/diso) senón que deixen de ser unha organización privada para pasar a converterse nun organismo público ao servizo das Nacións Unidas. Creo que é bastante razoable tendo en conta que contan entre as súas filas con varias persoas que son, literalmente, armas de destrución masiva. Entendo a desconfianza do Capitán América, e que tema que os intereses dos diferentes países interfiran coa súa misión última, que é salvar á xente, pero Civil War non era tan bo porque os superheroes pegásense entre si senón porque non sabías a quen querías que lle partisen a cara. Trataba sobre ambigüidade e ideoloxía e non sobre desconfianza e malentendidos.

De todos os xeitos, creo que iso non é un problema per se, senón máis ben unha oportunidade desaproveitada. Como dixen, é difícil non falar sobre as diferenzas coa obra orixinal téndoo tan fácil, pero á marxe de que todo isto sexa un fallo como adaptación non creo que sexa tan grave en canto á película. A trama do cómic era máis complexa, pero non por iso a do filme deixa de ser interesante. Ademais, aínda que se perda a ambigüidade, non converten a ningún heroe nun vilán e iso agradécese moito.

Polo demais é bastante continuista en canto ao ton e a atmosfera co Capitán América: O Soldado de Inverno, afastándose outra vez da idiosincrasia habitual das películas de superheroes para introducir tamén elementos do thriller ou o cinema de espías, e iso séntalle fantástico para o que pretende contar.

Cada personaxe ten o seu momento. Os que están aí desde o principio teñen tempo para situarse nun ou outro bando e coa aparición dos vellos coñecidos é imposible non esbozar un sorriso (Ant-Man sáese). Black Panter tamén ten unha presentación moi adecuada. Quizais peque un pouco de ir dando tombos durante a segunda metade, pero supoño que sen ter previamente a súa propia película sería necesario demasiado tempo para enmarcalo como cómpre. O seu final é satisfactorio e prepara o terreo para a súa estrea en solitario, non sae da nada e ten uns obxectivos moi claros desde o primeiro momento. Falando de saír da nada. Spiderman.

Vou dicir algo que poida que faga que acabe na fogueira: gustábame o Spiderman de Andrew Garfield. Xa sei que antes falei mal de Amazing Spiderman e mantéñoo, a segunda parte é bastante mala e a primeira é directamente horrorosa. Dá a sensación de que non sabían facer películas e, bo, iso é algo bastante importante se pretendes dedicarche a isto, pero creo que entenderan mellor que ninguén o espírito do personaxe. O Spiderman desta película é o dun rapaz que non sabe moi ben onde está nin o que ten que facer. É moi probable que o orixinal che dixese, mentres pelexas con el, que ten que terminar pronto porque ten deberes que facer e enfadaríaste aínda máis porque saberías que se está quedando contigo, que se está mofando e que probablemente non che estea tomando en serio. Cando o de Tom Holland diche que ten que irse a facer os deberes o único que pensas é que ten que irse a facer os deberes.

Con todo, gustoume. Non é a versión que esperaba nin a que máis me entusiasma, pero non me quedei descontento. Ademais, creo que toda a sala estaba moi emocionada durante a súa primeira aparición, só había que fixarse nas caras da xente e as risas nerviosas, e creo que á marxe de todo o demais non hai que subestimar algo que pode provocar ese tipo de emocións. A súa actuación pareceume moi satisfactoria, aínda que é verdade que sae de ningún sitio e non ten absolutamente ningunha repercusión nos feitos da película. Con todo, se son sincero creo que iso é máis culpa nosa que súa. Todo o que lese o cómic non se imaxinará unha Civil War sen Spiderman (aínda que alí o seu papel fose capital) e o público en xeral leva esperando que apareza desde que se anunciou que Marvel recuperaba a licenza, así que creo que o feito de velo aquí é, nin máis nin menos, puro fanservice.

O vilán neste caso é Zemo, aínda que ben podería chamarse de calquera outra forma. No cómic orixinal formaba parte dos Thunderbolts, que actuaban momentaneamente baixo as ordes de Stark para apoiar o Acta de Rexistro, mentres que aquí o personaxe limítase a tratar en aparencia) de atopar aos outros cinco Soldados de Inverno. Aínda que sexa o principal motivo do malentendido que se produce (que xa falei de como se carga a ambiguedad) funciona bastante ben como fío condutor e o seu papel como antagonista permite chegar a un final no conflito superheroico que doutra maneira sería moi difícil de resolver sen desembocar nun final anticlimático. A verdade é que Zemo non é especialmente interesante, pero tampouco molesta nin resulta incoherente, e o que non sexa un supervillano ao uso agradécese, porque pola contra terían que xuntar aos heroes no clímax para un combate final, e resultaría decepcionante. O conflito é entre o Capitán e Iron Man(e os seus aliados), Zemo só serve como escusa e non se apropia da pantalla.

Non vou estenderme no técnico, pero creo que é necesario falar isto. Eu non sei moito sobre dirección de secuencias de acción (nin de ningún outro tipo, vaia), pero non creo que vaia moi desencamiñado se digo que este non sería en absoluto un mal espello no que mirarse para calquera que pretenda dedicarse a iso. As persecucións son frenéticas, as coreografías fluídas e espectaculares e as pelexas son directamente impresionantes. Pero a cuestión xa non é só que estean ben feitas (que o están), senón que están ben medidas. Sexamos claros: isto é unha película de superheroes, e nunha película de superheroes ten que haber pelexas, pero se enfocas toda a cinta á espectacularidade barata ao final perderás de vista as cuestións máis importantes. No outro post falei de como cría que O neno e a besta pecaba de excesiva pirotecnia no seu tramo final. Pois ben, iso aquí non pasa. Se os combates cómense a película é porque están excepcionalmente ben dirixidos e é imposible que chos quites da cabeza, non porque tomasen o protagonismo en pos da acción baleira. Os diálogos que se intercambian entre puñada e puñada son intelixentes e áxiles, o obxectivo do combate non se perde de vista e a claridade da secuencia non se dilúe entre un amasillo de explosións e ósos rotos: sempre sabes por que pelexan, cara a onde van e que busca cada un nese enfrontamento.

En definitiva. Como xa dixen, paréceme a mellor película que fixo Marvel ata o día de hoxe. É a máis complexa,(con todo) a máis ambigua, a máis intelixente e sobre todo a máis madura- E non falo desa madurez nin esa seriedade que dicía antes, na que o ambiente é moi escuro e os personaxes moi aburridos e moi atormentados. Os personaxes son interesantes, o ritmo é áxil e a acción é frenética. Non vou dicir que non teña problemas (algúns xa os comentei) nin que sexa unha película imprescindible para calquera cinéfilo porque estaría a faltar á verdade, pero creo que é unha das mellores cintas do xénero, que lles gustará mesmo a aqueles aos que non lles interesan os superheroes.

Pola miña banda, agora Marvel entra nunha fase na que persoalmente non teño moito interese. De Suicide Squad non espero nada e as películas dos X-Men só me ofrecen xa un entretemento moderado. Todo o que antes nos interesaba a catro frikis xa hai anos que está de moda e ao principio estaba ben, porque amo o cinema e gústanme os superheroes, pero todo isto xa está a empezar a cansar.

Aínda que non me importaría se todas as películas fosen como esta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com