" />

Castiñeira anuncia a creación dunha liña de apoio de dous millóns de euros anuais para emprendedores lucenses innovadores

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, trasladará esta tarde durante unha xuntanza cos directores dos CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional) As Mercedes e Politécnico e cos dos IES que imparten Formación Profesional (Muralla Romana, Sanxillao, Lucus Augusti, Leiras Pulpeiro e A Nosa Señora dos Ollos Grandes) o seu proxecto de crear unha liña de apoio dotada con dous millóns de euros anuais para emprendedores que desexen iniciar a súa actividade no Concello de Lugo.

Jaime Castiñeira explicará que estas axudas están destinadas especificamente á posta en marcha de empresas innovadoras ou aquelas que non compitan con outros proxectos existentes no entorno porque “trátase ao mesmo tempo de crear emprego con estas novas ideas e consolidar o que xa existe, polo que non favoreceremos a competencia directa para que non haxa postos de traballo ameazados ou en perigo”.

“A xestión destes dous millóns de euros anuais será totalmente transparente e estará ao alcance de todos os lucenses, cun criterio exclusivamente técnico para decidir os proxectos a financiar, cun Comité de Expertos que avalíe a súa oportunidade e a súa viabilidade e que sexa quen determine tamén a contía que se establece para cada iniciativa”, aclara o alcaldable popular.

“Temos mozos moi ben formados que necesitan e merecen un impulso municipal no financiamento para poñer en práctica e en valor os coñecementos que adquiriron”, salienta Castiñeira, ao tempo que asegura que “con estas axudas estamos permitindo que revirta na sociedade lucense o investimento realizado na súa educación”.

O candidato do PP á alcaldía de Lugo detalla que esta liña de axudas forma parte do seu proxecto “Emprego para todos”, dotado cun orzamento anual duns seis millóns de euros e no que se inclúen outras dez medidas, como outro programa de apoio para a contratación de traballadores censados no Concello, outro para a rehabilitación de vivendas da cidade e das parroquias ou unha bolsa de locais e naves alugados pola administración municipal a particulares, así como bonificacións de ata o 100% das licenzas e taxas municipais, a creación dun portal de emprego municipal ou unha estratexia de captación de inversores e empresas cunha campaña de promoción das vantaxes competitivas para fomentar o seu asentamento en Lugo, con especial atención ao Polígono das Gándaras.

Jaime Castiñeira subliña que “a nosa prioridade absoluta é a creación de emprego de calidade e a protección dos postos de traballo que xa existen, polo que todos os lucenses que teñan un proxecto terán o apoio do Concello”, ao tempo que salienta que “un dos nosos obxectivos fundamentais é conseguir que os nosos mozos e non tan mozos se queden en Lugo, e se marchan de aquí que sexa por convicción”.

O candidato do PP á alcaldía de Lugo tamén celebrará esta tarde ás 20.30 horas unha xuntanza no restaurante Los Infantes cos veciños de Aceña de Olga, Fingoi e Augas Férreas, aos que lles trasladará as súas propostas para o barrio, e aos que lles pedirá tamén aportacións para completar o programa electoral. Nese senso, presentaralles este proxecto de emprego así como a súa iniciativa para a remodelación integral do transporte público na cidade, entre outras cuestións.

@PPdeLugo

Escoitámolo:

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo