Castiñeira denuncia a intención da alcaldesa de que “Vendex siga recadando a ORA”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “a alcaldesa está empeñada en que Vendex siga ocupándose da ORA”. Tras a celebración dunha comisión específica para a municipalización do servizo, o popular asegurou que Lara Méndez “busca o sistema que sexa para que Vendex continúe recadando na zona azul de Lugo”. Desta maneira, Castiñeira acusou á rexedora de continuismo. “En resumo, o novo goberno segue plegado a Vendex, igual que o estaba o anterior”.

Así mesmo, Jaime Castiñeira criticou que a alcaldesa non atende ás advertencias dos técnicos en relación ao novo contrato da ORA, xa que “aínda que o goberno presuma de que vai ser puntual e temporal por un ano e medio ou dous, o propio xefe de contratación a advertiu de que non se pode estipular un período de amortización das máquinas tan curto, xa que no anterior contrato era de oito anos”. Polo tanto, “a única empresa que podería cumprir estas condicións é Vendex porque xa ten os equipos instalados e pagados por todos os lucenses”, reiterou.

Castiñeira contrapón o modelo de xestión da ORA que, ao seu xuízo, quere instaurar o Concello, coa idea de zona azul que teñen os populares. Nesa liña, o voceiro asegura que a rexedora “ten a intención de devolverlle a xestión da ORA a unha empresa acusada de sobornar políticos e na que membros do goberno municipal recoñeceron ter mediado para a contratación de persoal”. Pola súa banda, os populares defenden un sistema “de regulación gratuíto, controlado polo Concello, e só naquelas zonas nas que sexa estritamente necesario”.

Falta de liquidación

Por outra banda, o popular tamén censurou que os socialistas aínda non teñan ofrecido datos pola liquidación do contrato. “O primeiro que ten que facer o Concello é ese trámite para, a partir del, saber o que nos debe do anterior contrato esta empresa e o que temos de propiedade municipal”, puntualizou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com