" />

Castiñeira insta ao goberno municipal a negociar con Abanca para evitar o peche da gardería do Sagrado Corazón

O candidato a alcalde polo Partido Popular, Jaime Castiñeira, declarou logo da xuntanza mantida con representantes de pais afectados polo peche da gardería do Sagrado Corazón, que “aínda sendo conscientes de que se trata dunha iniciativa privada, non é menos certo que sería conveniente unha maior sensibilidade” respecto dos pais, dos traballadores e tamén dos veciños deste barrio de Lugo.

Nesa liña, Castiñeira afirma que “o Concello de Lugo, como máximo responsable de velar polos intereses dos veciños, debe manter unha estratexia coordinada con Abanca nesta materia”. Así, o popular lembra que “dende hai meses vimos sostendo que o goberno municipal ten que ser o primeiro en que debe dar pasos con esta entidade para que tanto os terreos do colexio como as da gardería revertan no Concello”, para, por un lado, gañar en espazos públicos e, por outro, aumentar os servizos que presta a administración municipal. “Se chegamos a esta situación é porque faltou planificación e interese municipal por facer estas xestións das que se beneficiarían moitos pais e veciños”, asevera.

Así mesmo, lembra que existen dous acordos plenarios, de 1 de abril de 2013 e 3 de novembro de 2014, nos que se insta ao Concello a “iniciar as xestións oportunas coa propiedade do actual colexio, para garantir que eses terreos e equipamentos pasen a ser de titularidade municipal e teñan un uso público” e a “garantir o carácter público dos terreos hoxe de NovaGaliciaBanco e un uso futuro que evite o abandono”. “Polo tanto, existe unha responsabilidade clara do PSOE por non ter cumprido, tampouco neste caso, o que acordou o pleno da corporación”, destacou.

Por último, destaca que, “precisamente tamén para dar solución ás necesidades deste barrio”, o PP leva anos defendendo que a nova gardería que a Fundación Amancio Ortega, en colaboración coa Xunta de Galicia, construirá en Lugo se sitúe na zona das Gándaras. “Pola contra, o PSOE insiste en trasladala ao Polígono do Ceao, algo que sen dúbida non contribúe, nin moito menos, a dar resposta a este colectivo”, conclúe

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo