Castiñeira reitera que eliminará a zona ORA se é elexido alcalde

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, reafirmou ante os asociados da Federación de Comercio o seu compromiso de eliminar a zona ORA en Lugo “durante o primeiro ano de mandato”.

Segundo explica Castiñeira, “trátase de rematar co afán meramente recadatorio e de persecución que está a caracterizar a xestión actual da zona azul”, xa que “o sistema ORA non ten que servir para financiar a unha empresa que leva catro anos co contrato anulado pola xustiza e que está no eixe da trama Pokemon nin tampouco ten que ser un servizo no que o alcalde de Lugo recoñece ter mediado para que contratasen aos seus afíns”, reflexiona o candidato popular, quen insiste en que “o obxectivo da zona azul non pode ser o de recadar diñeiro nin o de servir de axencia de colocación, como o concibe López Orozco, senón exclusivamente o de regular o aparcamento no municipio”.

O candidato popular reitera ademais a súa decisión política “firme e inequívoca” de suprimir o sistema ORA da cidade e apela aos exemplos doutras cidades galegas, como Ferrol e Pontevedra, “que funcionan perfectamente sen zona ORA e onde o estacionamento se regula sen que ninguén teña que abonar diñeiro por aparcar”.

Durante a xuntanza coa Federación de Comercio, o popular tamén abordou outras cuestións do seu interese, como as liñas de apoio á creación de emprego por importe de seis millóns de euros anuais entre as que se inclúe a medida de apoiar con 3.000 euros cada novo contrato que se subscriba de polo menos un ano de duración para persoas que leven alomenos un ano censadas no Concello de Lugo; a bonificación de ata o 95% das licenzas de apertura de establecementos para emprendendores que inicien a súa primeira actividade; unha liña de axudas para a modernización de establecementos; ou unha reforma integral do transporte público, “que permita potenciar o comercio tradicional conectando os distintos barrios”.

Por outra banda, o alcaldable do Partido Popular tamén se achegou ata as empresas do polígono da Campiña onde lles explicou aos traballadores as propostas do seu programa electoral encamiñadas a potenciar e revitalizar os polígonos. Nesa liña, Castiñeira apuntou a necesidade de mellorar os accesos desta zona industrial lembrando que, no vindeiro pleno, o Grupo Municipal presentará unha iniciativa para  mellorar a seguridade vial e o tráfico nesta entrada a Lugo pola N-640.

“Estamos falando dunha das entradas á cidade onde salta á vista a necesidade de mellorar a súa sinalización así como prestar un mínimo mantemento dos viais que dan servizo ás naves e negocios desta zona industrial” matizou o alcaldable popular.

Por último, o candidato do PP tamén trasladou aos traballadores deste polígono que se chega á alcaldía creará unha tarxeta de empresa para abaratar e facilitar os traslados en autobús aos centros de traballo, comprometéndose a implantar unhas frecuencias de paso cada quince minutos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com