CCOO e UGT convocan para mañá unha xornada de folga en Lidl

CCOO e UGT convocan para mañá, 4 de xuño, unha xornada de folga en Lidl. Esixen medidas que “reduzan os riscos a que se expón o persoal, amais doutras cuestións de carácter laboral derivadas da crise da COVID-19”. A cadea de supermercados ten aproximadamente oitocentos traballadores e traballadoras en Galicia. CCOO, sindicato maioritario coa metade da representación —16 delegados e delegadas—, acusa a empresa de “romper a homoxeneidade das condicións de traballo, pois pactou un acordo de aplicación exclusivo para o País Vasco”.
Segundo CCOO, “tras unhas primeiras semanas en que o diálogo entre empresa e sindicatos foi a tónica xeral, Lidl decidiu abandonar a negociación tanto de medidas para garantir unha desescalada segura para o persoal, como doutras que compensen o esforzo realizado por este durante a crise sanitaria, exposto a gran tensión física e psicolóxica”.
Entre as reivindicacións sindicais priman as relacionadas coa redución de riscos. Comisións critica que “non existan protocolos de prevención para iniciar a actividade de forma segura en seccións recentemente abertas ao público, como o textil”, explica Patricia Mariño, secretaria de Acción Sindical da sección sindical de CCOO en Lidl. Outras reivindicacións sindicais son “reforzar a vixilancia nas tendas e aumentar as horas de contrato conforme a carga de traballo que realmente existe”.
Os sindicatos tamén piden “condonar as horas negativas que a empresa provocou polos seus criterios de planificación da xornada, o pagamento ao 150 % dos excesos de xornada programados en marzo —tal como recolle o acordo asinado coa empresa—, así como a consolidación das horas a máis realizadas de media nos dous últimos anos por cada traballador ou traballadora”.

Hai uns días, os sindicatos e Lidl acudiron a unha mediación, que fracasou «pola negativa da empresa a negociar incluso os aspectos máis básicos», reprocha Mariño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com