Centos de cidadáns participan na terceira marcha contra as violencias machistas da TIC

Centos de persoas participaron esta mañá na terceira andaina En Camiño contra as Violencias, organizada polo alumnado de Primeiro de Produción da Escola de Imaxe e Son da TIC da Deputación, dentro da campaña Lugo En Negro.

O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumáronse á iniciativa xunto a membros dunha decena de asociacións e colectivos lucenses. Durante a marcha, camiñantes de todas as idades encheron con paraugas negros o treito que vai da Escola de Imaxe e Son á praza de San Marcos.

Darío Campos apuntou que “esta marcha simboliza a necesidade de que camiñemos todos xuntos para erradicar definitivamente este gravísimo problema. Institucións, asociacións e cidadanía en xeral temos que unirnos para lograr entre todos que nin unha soa muller máis sexa vítima dos crimes machistas”. Trátase da terceira marcha cidadá que os estudantes da EIS convocan con éxito de asistencia, na revéspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o día 25 de novembro en todo o mundo.

Non é non!

A marcha, que rematou na Praza de San Marcos con todos os participantes berrando “Non é non!”, arrancou na EIS coa proxección dun vídeo elaborado polos estudantes con titulares de noticias de prensa sobre os crimes machistas. Os participantes, que seguiron unha frechas negras colocadas polos alumnos ao longo do traxecto, fixeron varias paradas durante o percorrido.

A primeira foi na Porta de Santiago, ao carón da placa dedicada a García Lorca, onde unha actriz representou a unha muller mantendo unha conversación telefónica co seu maltratador. A continuación pasaron pola Praza Santa María xunto a un tótem con tiras cómicas sobre o tema elaboradas polos alumnos; no Templete de Praza Maior léronse letras de cancións con contidos machistas e recitouse un poema a favor da muller e a súa importancia na sociedade. Diante da Casa Consistorial outro tótem informaba sobre a participación da TIC nas dúas primeiras edicións. Outra das paradas foi na Praza de Santo Domingo, na Árbore de Vida, coa lectura do manifesto, e rematou na Praza de San Marcos cunha actuación de danza contemporánea.

Á andaina sumáronse membros dunha decena de asociacións e colectivos lucenses. En concreto, do C.B. Breogán, C.D Lugo, Asociación de Amas de Casa, Asociación de Viúvas de Lugo, Aspnais, SOMOS Unidos por el Cáncer, Federación de Asociacións de Veciños, Asociación de Jóvenes Empresarios e Bonhomía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com