Chega a Lugo a exposición ‘O mundo flúe’, da Fundación Once

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este luns no Museo Provincial de Lugo a mostra O mundo flúe. Dúas miradas sobre unha mesma realidade da Fundación ONCE que estará exposta dende o 30 de novembro ata o 17 de Febreiro simultaneamente en tres dos museos da Rede Museística Provincial de Lugo; o Museo Pazo de Tor, o Museo do Mar e o Museo Provincial de Lugo. O vindeiro mércores 30 de novembro ás 20:00 horas inaugurarase a exposición no Museo Provincial de Lugo.

García Porto subliñou que “dende a Deputación de Lugo queremos favorecer iniciativas que rompan con calquera barreira entre persoas. Por este motivo, colaboramos e pomos en valor este tipo de actividades, que fomentan a superación de estereotipos na sociedade actual e que impulsan un cambio no pensamento da cidadanía, co fin de contribuír á igualdade de oportunidades e integración das persoas”.

Esta mostra está composta por unha selección de obras pertencentes a 35 artistas, 32 con algún tipo de discapacidade, que participaron nas seis edicións da Bienal de Arte Contemporánea Fundación ONCE celebradas ata o momento e que compoñen os fondos de arte da Fundación.

Un dos obxectivos da Fundación ONCE desde a súa creación hai xa 20 anos, é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todas as ordes da vida. A Fundación ONCE organizou en Madrid, no ano 2006 a I Bienal Internacional de Arte Fundación ONCE, co obxectivo primordial de recoñecer e difundir a obra de artistas con algún tipo de discapacidade, así como potenciar o seu acceso e participación no mercado da arte, ademais de provocar a atención do ámbito cultural e artístico sobre a realidade do mundo da discapacidade e o seu enorme potencial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com