Cidadáns propón unha modificación completa do recibo do IBI

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, propuxo esta mañá unha serie de modificacións na fiscalidade municipal de cara á xuntanza convocada para mañá entre o Goberno municipal e os distintos grupos políticos para abordar posibles cambios nas Ordenanzas Fiscais de 2018. Louzao considera “prioritario” establecer unha fiscalidade municipal “máis xusta e progresiva sen que se produza unha merma de ingresos por parte do Concello para poder manter o nivel de servizos que presta e mesmo poder incrementalos”.

Do mesmo xeito, Cidadáns considera que é necesario actuar sobre o Imposto de Bens Inmobles, que supón “a auténtica columna vertebral da recadación municipal, ao supoñer o IBI uns ingresos de 22 millóns de euros anuais para o Concello, o que representa unha cuarta parte do Orzamento municipal”. Cidadáns propón “unha reforma en profundidade deste imposto para que as familias paguen menos pola súa vivenda e, sen embargo, aporten máis as segundas vivendas e os pisos baleiros”.

A voceira de Cidadáns, propón tres cotas diferenciadas para a primeira vivenda e as sucesivas en función de se estas están alugadas ou baleiras. “Non é xusto nin lóxico que pague o mesmo unha familia que só posúe unha vivenda, que é na que vive, que as persoas que teñen dous ou máis inmobles”, xustifica Olga Louzao.

Equilibrar servizos deficitarios

Olga Louzao tamén fará fincapé mañá na reunión negociadora cos demais grupos municipais na necesidade de “adoptar medidas para ir equilibrando paulatinamente o déficit que producen nas arcas municipais servizos como o da auga ou o do guindastre”. No caso da taxa por retirada de vehículos da vía pública, Cidadáns propón “subila ao atoparse por debaixo do que se cobra noutras cidades galegas tendo en conta ademais que na totalidade dos casos o seu cobro débese ao incumprimento da normativa de estacionamento”.

No do servizo de abastecemento de auga, e malia que a lexislación comunitaria establece especificamente que este servizo debe ser sostible economicamente, así como a obrigatoriedade de trasladar ao recibo o custo da execución de novas infraestruturas, “é absolutamente deficitario para o Concello de Lugo, que gasta 6,1 millóns de euros anuais en prestar este servizo básico tanto aos domicilios como ás distintas empresas radicadas no municipio mentres que só ingresa 3,9 millóns en concepto de recadación por recibos”, rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com