‘Ciencia-me un cuento’ chega a Lugo da man de XuvenCiencia e AgroMar

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC e o CEIP Paradai da cidade luguesa volven sumar forzas para celebrar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia o vindeiro venres, 11 de febreiro, segundo a declaración da Unesco. Esta programación deseñada para os 300 alumnos e alumnas do colexio lugués funcionará tamén como a presentación en Galicia do libro Ciencia-me un cuento, resultado da iniciativa homónima promovida pola Sociedad de Científicos Españoles en el Reino Unido.

“Nestes contos, a ciencia e a investigación son as protagonistas de historias próximas, facendo que os e as lectoras se identifiquen con elas e que descobran un universo cheo de posibilidades. Temas tan diversos coma o método científico, a contaminación mariña ou a doenza de Alzheimer son explicados a nenas e menos de Primaria de xeito impecable”, explican os seus promotores sobre esta iniciativa.

O libro Ciencia-me un cuento é unha recompilación única e bilingüe inglés-español dos contos gañadores das tres primeiras edicións dun concurso de relatos científicos do mesmo nome organizado pola Sociedad de Científicos Españoles en el Reino Unido e auspiciado pola Fundación Lilly. Os contos, que proveñen de distintos recunchos do mundo, avivan a curiosidade científica e cultural dos seus lectores. Unha das integrantes de XuvenCiencia, a investigadora da área de Xenética Paula Rodríguez Villamayor (nacida na Estrada), forma parte tamén da organización responsable de Ciencia-me un cuento. O libro ten unha versión de balde que pode ser descargada aquí.

A investigadora do Campus Terra da USC tivo a idea de que converxeran as actividades de XuvenCiencia e Ciencia-me un cuento polo Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora do departamento de Química-Física da facultade de Ciencias da USC Mercedes Novo Rodríguez, considera que o proxecto Ciencia-me un cuento encaixa “perfectamente” coa filosofía do grupo de innovación docente do Campus de Lugo no que se refire a trasladar a indagación científica ás aulas de ensino preuniversitario desde unha abordaxe tanxible e experimental. Sobre este aspecto, Novo Rodríguez avanzou a intención de XuvenCiencia de buscar a colaboración da Sociedad de Científicos Españoles en el Reino Unido e do Servizo de Normalización Lingüística da USC para levar tamén os relatos de ‘Ciencia-me un cuento’ ao idioma galego, de xeito que poidan constituír, asemade, unha ferramenta de normalización lingüística para os centros escolares.

Polo que respecta ao desenvolvemento do programa do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia que preparan XuvenCiencia e o CEIP Paradai, escolléronse tres dos relatos de Ciencia-me un cuento, que lles serán narrados ao alumnado, que seguidamente participará nun obradoiro relacionado coa disciplina ou os contidos desenvolvidos no conto. As actividades previstas serán impartidas por integrantes AgroMar, nunha nova colaboración desta asociación de persoal investigador do Campus Terra con XuvenCiencia.

Así, os e as estudantes de quinto e sexto de Primaria achegaranse á mitose celular a partir do conto Una hermana para la célula Celia, mentres que a proposta escollida para os cursos terceiro e cuarto está relacionada cos cultivos de bacterias, da man do conto ¡Hola, señora E. coli!. Finalmente, para o alumnado dos primeiros cursos de Primaria proponse un xogo de roles baseado no conto Los caballeros de la mesa viruela, que lles servirá para entender o funcionamento das vacinas neste contexto no que as crianzas menores de 12 anos están a ser inmunizadas contra a Covid. Tamén o alumnado de infantil do CEIP Paradai participará desta actividade coa escolla de contos adaptados para esta etapa escolar.

Desde o grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez considera que coñecer mulleres e mozas científicas nunha actividade de proximidade e que resulta atractiva para as nenas é un primeiro banzo para crear referentes positivos que reforcen as vocacións femininas no eido da ciencia desde idades temperás. Por outra banda, Novo Rodríguez subliña que actividades anteriores de XuvenCiencia polo Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia teñen dado como resultado unha pescuda sobre 800 alumnos/as de ESO e BAC arredor da fenda de xénero e as percepcións que mozas e mozos teñen das súas actitudes e aptitudes de cara a unha futura carreira científica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com