CIG-Saúde alerta do desmantelamento a “pasos de xigante” do hospital da comarca

A CIG-Saúde denuncia que, a pesar de haber camas libres no Hospital da Mariña, estanse derivando cara ao Hospital de Lugo (HULA) pacientes positivos en Covid que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro para asumir as necesidades asistenciais da comarca.

Dende CIG-Saúde advirten que detrás da boa aparencia pola renovación das fachadas, dando a impresión de que está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal.

Así, o delegado da CIG Adolfo Corral explica que, á falta de persoal médico de distintas especialidades que vén arrastrando de xeito crecente este centro hospitalario, súmase agora a falta do persoal de enfermaría necesario para manter operativo o hospital ao 100%.

Ante esta situación, a Dirección do centro decide, malia ter camas desocupadas, asumir só un máximo de 10 pacientes Covid e derivar cara ao HULA o resto de doentes; polo que esta semana, veciños e veciñas da Mariña xa sofren as consecuencias de ter que ingresar en Lugo logo de acadarse o máximo establecido de ocupación.

A política de precariedade laboral levou á fuxida de profesionais O Hospital da Mariña leva máis de dous anos cun importante déficit de persoal, nomeadamente en enfermería, que lonxe de arranxarse estase agravando cada vez máis.

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións os abusos aos que esta Dirección somete ao persoal de enfermaría das listas de contratación, que provocaron unha fuxida masiva de efectivos cara a outros centros sanitarios onde lles ofertan mellores contratos e respectan seus dereitos. A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que a data de hoxe nos atopamos sen enfermeiras/os para cubrir as necesidades propias da Comarca.

Dende CIG-Saúde levamos anos dicíndolle a esta Dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estables cunha carteleira establecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha enfermidade ou un accidente. Demanda que non se atendeu en absoluto.

Por iso, responsabilizamos da situación sanitaria do Hospital a esta equipa Directiva que segue cometendo os mesmos abusos e maltratos sen querer mudar as súas políticas de xestión da contratación. Unha equipa Directiva que baixo o criterio da CIG-Saúde debera DIMITIR polo ben do Centro Hospitalario.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com