Cinema e música galega na estrea da nova película de Alfonso Zarauza

Este venres chega unha nova gran película a Codex Cinema que continúa coa aposta decidida polo cinema de autor feito en Galicia. Trátase de Ons de Alfonso Zarauza, un fascinante thriller psicolóxico que transcorre na marabillosa paisaxe das Illas Atlánticas. O filme ten como protagonistas a Melania Cruz e Antonio Durán “Morris” e presentouse con grande éxito no festival de Sevilla. En Cineuropa, o certame compostelán, Alfonso Zarauza recibiu un premio honorífico no que supuxo a estrea oficial da película en Galicia.

O filme segue a historia dun matrimonio en crise que chega a illa de Ons para superar os seus problemas. A vida solitaria parece sentar ben á parella, pero pouco a pouco déixanse dominar polos seus soños e desexos, nunha intriga onde nunca se sabe moi ben que é real e que non. Zarauza manexa con gran habilidade as claves do suspense apoiado nun maxistral traballo de cámara onde a maioría de escenas se solucionan en apenas un único plano secuencia. Un exercicio de naturalismo cinematográfico que se aproveita da esplendorosa riqueza natural da zona das illas Atlánticas.

Para apoiar a estrea do filme, este domingo día 20 ás 18:00 as salas lucenses contarán cunha sesión moi especial da cinta. Estarán presentes na proxección a protagonista principal Melania Cruz e o produtor Xavi Font para presentar o traballo e ter un coloquio posterior co público. Pero non só iso, senón que tamén previamente, a banda Chicharrón ofrecerá un breve recital como acompañamento do filme. Este formato de concerto máis proxección foi presentado recentemente no Culturgal e Lugo será unha das primeiras cidades nas que se poderá gozar del. Sen dúbida, unha gran iniciativa para tratar de activar o sector cultural tan afectado pola crise. Una idea transversal da cultura da que Codex Cinema xa participou en anteriores ocasións e que será moi importante no futuro para a supervivencia das industrias culturais en Galicia.

Chicharrón é unha das bandas novas galegas que mellor acollida crítica está tendo nesta última década en todo o panorama español. Formouse en Carballo no ano 2014 e xa levan editados tres discos. A súa relación artística con Alfonso Zarauza non se reduce a Ons (onde unha das escenas conta coa súa música) senón que xa no ano 2017 o cineasta compostelán dirixiu o videoclip do seu single Contra acantilados. Polo tanto, o recital de Chicharrón xunto á proxección de Ons é a performance perfecta para gozar da banda e do filme, e pechar este ano 2020 coa mellor cultura galega.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Melania Cruz
    Dec 17, 2020 - 12:58 PM

    @OnsPelicula Grazas!💙

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com