Cinema francés para a ponte

A propósito dos días festivos pola Pascua, Codex Cinema ofrece unha programación especial con máis películas e horarios adaptados. Ademais de A viaxe de Chihiro, que xa tivo a súa estrea o pasado martes con grande éxito entre nenos e adultos, este xoves chegan dúas novas películas para renovar a grella. Dous filmes franceses de grande prestixio crítico de dous autores cunha longa carreira de varias décadas e múltiples premios internacionais.
Primeiro François Ozon con Grazas a Deus, o filme evento da tempada en Francia, que toca un tema moi delicado: o das denuncias de abuso a nenos por parte de sacerdotes e cregos da Igrexa católica. Un tema de moita actualidade que podía caer no sensacionalismo ou na crítica fácil, mais que Ozon trata con mirada xusta e ollo clínico, respectuosa e xenerosa con todas as ideoloxías e puntos de vista, centrándose no drama das personaxes, de cada home que cargou cun drama durante anos e que por fin deciden dar un paso adiante. Ozon, un cineasta prolífico que fixo comedias, thrillers (Swimming Pool), dramas adolescentes (Jeune et jolie), cinema de época (Frantz), volve a
amosar o seu bo tino tocando cada xénero e sabendo equilibrar os elementos do drama coa denuncia social.
E tamén chega aos cinemas lucenses Dobres vidas, unha comedia de personaxes, de encontros disparatados e equívocos imposibles entre unha serie de homes e mulleres do mundo da arte, vaidosos e egocéntricos, que supón un sorprendente cambio de rexistro na carreira de Olivier Assayas. Antigo crítico da famosa e influínte revista Cahiers du Cinéma, destacou aos inicios da súa carreira como retratista de dramas xeracionais, de mozos e mozas enfrontándose a un futuro sen obxectivos (DesordreParis s’eveille) para logo virar cara un estilo moito máis persoal con filmes esquivos e moi cinéfilos como Irma Vep, sobre a rodaxe dun remake dun filme de Louis Feuillade; ou Demonlover, insólito thriller internacional sobre conspiracións empresariais e pornografía na rede.
Despois de varios proxectos internacionais con estrelas de Hollywood, Assayas xira de novo cunha comedia desenfadada tipicamente francesa, movida polo exceso etílico e os enfrontamentos intelectuais. O filme conta con dous dos mellores actores franceses do momento, Vincent Macaigne e Guillaume Canet, e a presenza da imprescindible Juliette Binoche.
Estas dúas estreas súmanse á grella onde aínda permanece A muller da montaña, o brutal éxito islandés que acumula cincocentos espectadores. Deixando atrás todo tipo de prexuízos, o público lucense apostou por esta comedia que mestura acertadamente o relato íntimo feminino co compromiso político e medioambiental.
Tamén está sendo moi louvada A sombra do pasado, o filme de Florian Henckel von Donnersmarck que narra varias décadas da historia de Alemaña (desde a chegada do nazismo ao poder ata a guerra fría) a través dos ollos dun pintor en busca dun estilo persoal. Tamén afrontans os derradeiros pases de Coñecendo a Astrid, a biografía da gran Astrid Lindgren, a creadora da inesquecible personaxe infantil Pippi Mediaslongas. E outro retrato feminino, brutal e contundente, o da mestra de A profesora de parvulario, o filme de Sara Colangelo que a través dunha historia moi particular crea todo un paisaxe moral e intelectual dos Estados Unidos.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Lucia Barcelos
    Abr 17, 2019 - 09:35 PM

    Moitos a vela

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com