" />

Cinema galego de onte e de hoxe en Codex Cinema

Outra nova fin de semana en Codex cargada de eventos especiais, nesta ocasión con gallo do Día das Letras Galegas. Desde a apertura dos cinemas, a proxección de filmes galegos foi una esixencia para a sala. Se ben é importante a proxección de todos eses proxectos que se fan hoxe en día na nosa terra, nun día tan especial como o das Letras Galegas quixeron mirar cara o pasado e recuperar Sempre Xonxa, do pioneiro Chano Piñeiro, agora que se cumpren vinte anos desde a súa estrea.
Chano Piñeiro foi un deses cineastas que creou unha forma de facer cinema galego e en galego cando non existía nada. O seu compromiso coa terra e coa lingua comezou cunha curtametraxe saída de ningures chamada Mamasunción, que deulle o recoñecemento para que, con máis medios e o apoio das institucións puidese facer Sempre Xonxa, un filme que xira arredor dos temas e dos lugares tipicamente galegos, que ten esa vocación primitiva e pioneira, de facer por primeira vez algo. O filme contou con moitos actores non profesionais e o mesmo Chano Piñeiro facía cinema por una necesidade imperativa, e polo tanto o filme benefíciase desa inocencia, como se estivese descubrindo un mundo novo de sensacións, o do cinema galego.
De onte a hoxe. Os camiños que abriu Sempre Xonxa, non foron suficientemente transitados. O cinema mudou moito cos anos e cada vez é máis difícil pensar nunha industria do cinema galego, nun contexto onde o cinema americano invade todas as pantallas e conta con toda a atención dos medios. Mais os cineastas galegos resístense a morrer e fan cinema nas marxes, cinema con calquera medio que haxa ao seu alcance. Así chega a Codex Cinema o focense Álvaro Fernández Pulpeiro co seu filme Nocturno, un insólito filme que mestura as liñas do documental etnográfico sobre mariñeiros de alta mar co angustioso thriller psicolóxico. Un filme que ademais está feito cun estilo vangardista e diferente, cunha fotografía dixital realmente orixinal. Unha proposta única que amosa a vitalidade e a variedade do cinema galego.
Xa fora do cinema galego aínda temos un pase especial máis. Trátase de Zanik, o filme de Gabriel Velázquez que se presentou na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de Xixón. Unha película que segue os pases de Eusebio Mayalde, chamán e músico que ten como obxectivo salvagardar e transmitir as tradicións ancestrais. A música folclórica é por tanto un medio para soster a nosa ligazón coa terra, coa historia, nun mundo cada vez máis globalizado e desorientado.  Unha curiosa road movie feita a través dos sons da terra. Un fermoso filme a través das paisaxes de Salamanca.
E xa para rematar, pero non por iso menos importante, contamos tamén coa estrea de Dovlatov, o filme de Alexei German (fillo), sobre a figura de Serguei Dovlatov, un dos grandes descoñecidos da literatura rusa contemporánea. German pertence a unha saga de cineastas moi importante: o seu pai foi unha das figuras do cinema soviético da segunda metade de século e el mesmo revelouse como un dos mellores cineastas rusos das últimas dúas décadas con filmes impresionantes como Garpastum (sorprendente película futbolística na Rusia anterior á revolución) ou Paper Soldier, sobre o soño dos cosmonautas rusos. German parece construír unha historia alternativa da Rusia do último século, buscando figuras e temas marxinais, lonxe do oficialismo. De aí que non sexa estraño este filme biográfico sobre Serguei Dovlatov, xornalista e escritor ruso que foi sistematicamente vetado polas autoridades soviéticas debido a que o seu estilo e as súas ideas chocaban coas do réxime. O filme recorre a vida de Dovlatov, admirador de Pushkin e de Brodsky, de forma elegante, con fascinantes planos secuencias que pasean por ese mundo en ruínas, ese Leningrado imperial que sucumbiu fronte a unha revolución paralizada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo