Cidadáns propón retranquear a futura edificación da esquina de San Roque coa Ronda da Muralla

O grupo municipal Cidadáns propón retranquear a futura edificación da esquina de San Roque coa Ronda da Muralla de maneira que sexa posible dar saída ao tráfico que circula por San Roque cara a Montero Ríos e o Carril das Flores, sen ter que pasar pola Ronda da Muralla. “Esta solución permitiría a futura peonalización da Ronda”, defende o grupo que lidera Olga Louzao.

Cidadáns preguntou o pasado venres ao Goberno local na Comisión de Urbanismo polo estado no que se atopa o estudo de detalle para o desenvolvemento urbanístico do solar situado na Ronda da Muralla entre San Roque e Montero Ríos e “se houbo algún avance no desenvolvemento urbanístico desta unidade de actuación”. Cidadáns preguntou tamén “pola subsanación das deficiencias e modificacións solicitadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por atoparse este lugar fronte á Muralla e en pleno Camiño Primitivo”. O concelleiro de Urbanismo, Daniel Piñeiro, explicou na comisión que “o Concello remitiu a semana pasada a Patrimonio un modificado do proxecto inicial, que fora rexeitado por Patrimonio ao non autorizar os soportais previstos na edificación, similares aos existentes no edificio contiguo, onde se atopa o Carrefour, e reclamar tamén unha fachada partida ao estilo dos edificios existentes nese entorno”.

Cidadáns preguntaba tamén na súa iniciativa se o Goberno local “ten algunha previsión de prazos para a urbanización desta zona” e se “está a levar a cabo algún tipo de xestión tendente a axilizar este proceso”. A propia alcaldesa aclarou o xoves pasado, no Pleno do estado do Concello, que “se celebraron 5 reunións coa Xunta de Galicia por este asunto, dúas entre Concello e Xunta e nas tres últimas xa coa participación do promotor propietario do solar”.

Cidadáns pide “que se axilicen os trámites para dar unha solución a esta zona a curto prazo” e defende que o proxecto definitivo contemple o retranqueo da edificación, de xeito que, por un lado, se separe o máis posible da Muralla e, por outro, “permita dar saída ao tráfico de San Roque cara a Montero Ríos e o Carril das Flores sen usar a Ronda da Muralla, de maneira que sexa factible nun futuro a súa peonalización”. O grupo de Olga Louzao considera que “se non se contempla esta solución estarase inviabilizando a futura peonalización deste tramo da Ronda”.

En relación á actual pasarela metálica, Cidadáns preguntou ao Goberno “que perspectivas hai a curto prazo de dar unha solución definitiva a esta pasarela, que foi construída con carácter provisional sendo alcalde Tomás Notario e cumpre xa 25 anos instalada neste lugar” e “se considera o Goberno municipal que este paso cumpre coas condicións de seguridade necesarias e se prevé o Executivo socialista a adopción dalgunha medida adicional ao simple sementado de sal os días de xeada para evitar o seu habitual estado esvaradío”.

Daniel Piñeiro afirmou “ser consciente da perigosidade deste paso, un dos máis transitados da cidade, pero dixo que o Goberno non ten previsto adoptar ningunha medida adicional entanto non se produce o desenvolvemento urbanístico da unidade de actuación na que está emprazada esta pasarela para buscar deste xeito unha solución arquitectónica definitiva a este entorno que permita a urbanización da zona e a eliminación deste paso”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com