Clausurada a edición de ’21 días co galego e +’ con máis repercusión en redes sociais

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte no instituto IES Lucus Augusti de Lugo na clausura oficial do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que nesta cuarta edición xuntou por primeira vez 12 centros participantes, así como 394 docentes, 52 membros do persoal da administración e servizos e 3.399 alumnas e alumnos de entre 8 e 18 anos, que viviron xunto ás súas familias a experiencia de falar en galego durante 21 días.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade deulle os parabéns á comunidade educativa do IES Lucus Augusti e, en xeral, a todos os que de xeito voluntario participaron nesta experiencia, “pola súa implicación e o seu traballo ao longo destas semanas que, estou seguro, supoñerán un cambio na valoración e uso do galego dos mozos e mozas que formaron parte do programa”.

A cerimonia, á que tamén asistiron o director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón, e a coordinadora do programa 21 días co galego e +, Pilar Ponte, estivo amenizada pola actuación dun grupo de rapaces do centro, que deleitaron os asistentes cun romance sobre a lingua galega, obra do profesor do centro Xosé Luís Vázquez Somoza, así como por unha actuación musical do alumnado, que incluíu os temas Compañeira, da música tradicional galega, e Terra, das Tanxugueiras.

O resto dos 11 centros participantes no programa realizaron tamén as súas respectivas cerimonias de clausura con distintas actividades como concertos, contacontos ou obradoiros.

Durante os 21 días que dura este programa de dinamización lingüística con vocación de fomentar o plurilingüismo, os case 3.400 alumnos da ESO, Bacharelato e FP, así como os dos últimos cursos de Primaria, optaron por falar en galego as 24 horas do día como experiencia de aprendizaxe.

Disto foron deixando constancia no blog e nas redes sociais do programa, onde gozaron de gran seguimento, especialmente en YouTube, que recibiu 401.874 impresións fronte ás 244.615 da edición pasada, e en Facebook, cun alcance de 18.122 persoas, preto de 2.000 máis que na edición anterior.

O impacto nas redes sociais tamén se fixo ver na conta de Twitter, con 5.033 visitas ao perfil nestas semanas, e na nova ferramenta de moda entre a mocidade, o Tik Tok, que chegou aos 3.346 gústame nos vídeos. Ademais, a rapazada tivo unha sorpresa final no blog da iniciativa, no cal recibiron o saúdo das Tanxugueiras e de Esther Estévez, que animaron o estudantado a seguir empregando o galego unha vez rematada a experiencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com