O salón de actos do Pazo de San Marcos será escenario mañá, 20 de febreiro, ás 11.30 horas, dun coloquio centrado na produción da gala dos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual e que este ano se celebrarán por primeira vez en Lugo.
No encontro participarán profesionais clave na organización do evento: Martín Cañedo, director de produción; Yohana Silva, xefa de produción; Candela Montero, axudante de produción; e Sandra Carnota, responsable de Comunicación. Durante a sesión compartirán co público os detalles do proceso de preparación da gala, así como as implicacións técnicas e organizativas que supón poñer en marcha un evento destas características. A gala terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan Os Ventos.
A asistencia ao coloquio será libre e gratuíta ata completar a capacidade do salón, nunha actividade pensada para achegar á cidadanía o funcionamento interno dun dos principais eventos do audiovisual galego.
Esta iniciativa forma parte da programación especial impulsada pola Academia Galega do Audiovisual para fomentar a participación social arredor dos premios e poñer en valor o sector. Dentro desta mesma liña, durante todo o mes están a proxectarse nos Cines Códex de Lugo as longametraxes e documentais finalistas, co obxectivo de achegar ao público as obras candidatas e reforzar a conexión entre a industria audiovisual e a sociedade.






