O curso escolar comezou hoxe na provincia de Lugo para 32.302 estudantes de educación Infantil – con 5.176 nenos e nenas matriculados
nesta etapa ; Primaria – 13.735; educación especial 58; ESO 10.008 ; e Bacharelato 3.325 -.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, apuntou ademais que 128 docentes incorpóranse ás aulas na provincia tras aprobar as oposicións celebradas o pasado verán.
De todos eles, 22 fano en centros da capital lucense. Tamén destacan as cifras de novo profesorado con destino en Monforte de Lemos (19), Viveiro (10), Vilalba (8) ou Burela (6).
Arias visitou o CEIP Rosalía de Castro de Lugo para comprobar como se desenvolvía o primeiro día de clase, no que o alumnado de Primaria tivo que acceder ao colexio de forma escalonada pola porta da rúa Marina Española, xa que aínda non estaba completada a actuación de acondicionamento que executa o Concello na rúa Cambria.