O tenente de alcaldesa responsable da área de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou este luns o inicio dos traballos de acondicionamento dunha estrada municipal na parroquia de Tirimol, no núcleo de Seivane, concretamente a que discorre xunto á Igrexa.
Estas tarefas consisten na reposición do firme con aglomerado en quente, a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes á nova rasante do camiño.
A maiores destas obras, tamén se melloraron dúas estradas municipais en Pías, que parten da intersección da Estrada Provincial LU-P-3907 e discorren polos núcleos de Fafián e O Corral de Abaixo. Esta mesma semana realizaranse obras noutra situada no núcleo de As Tabernas, en Piugos.
“Todas estas obras, que contan cun orzamento de 72.794,49 euros, achegados a través das baixas obtidas nas licitacións das actuacións realizadas co cargo ao Plan Único do ano 2020, realízanse para mellorar a seguridade viaria e dar resposta así ás peticións que realizou a veciñanza destas parroquias” salientou Miguel Fernández, quen deixou manifesto o compromiso do Goberno de Lara Méndez coa veciñanza do rural.
“Un compromiso que concretamos non só na atención ás demandas que nos fai á cidadanía, senón tamén na procura de que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos”, concluíu o tenente de alcaldesa.