Con Lupa organiza unha manifestación en Lugo en protesta contra o incremento do prezo da luz

A Asociación Cidadá Contra a Letra Pequena – CON LUPA convoca unha manifestación en Lugo para denunciar e protestar contra o incremento do prezo do quilovatio (kWh), impulsado polas compañías eléctricas para manter os seus millonarios beneficios, e que, xunto co novo sistema de tarifas, representa unha nova e abusiva suba da factura da luz para as familias, as explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, o comercio e a hostalería, os e as traballadoras autónomas…, de Galicia.

“A luz eléctrica é un ben de primeira necesidade, imprescindible para desenvolver calquera actividade, por iso, de ter que pagar un imposto indirecto como o IVE, este ten que ser do tipo superreducido do 4%”, explican dende o colectivo.

Por outro lado, explican, “Galicia produce electricidade a esgalla, exportando máis do 30 %, sen que isto repercuta nun menor custe do recibo da luz para nós. Aquí asumimos os custes económicos, sociais e ambientais de producila sen recibir nada a cambio. E máis, o ser unha tarifa única, temos que compensar no noso recibo, entre outros, parte dos custes que supón o transporte e a perda de enerxía que se produce no traslado da electricidade a outros territorios do Estado”.

Por todo iso, CON LUPA, convocou unha manifestación que se vai celebrar o xoves, día 8 de xullo, ás 6 da tarde, con saída da praza Mártires de Carral (fronte ao Parque de San Roque), para esixir unha enerxía xusta e sostible e unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para todos os galegos e galegas.

CON LUPA convida á veciñanza de Lugo e provincia a participar e manifestarse en contra do abuso das eléctricas e a favor dunha rebaixa inmediata da factura da luz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com