O Concello loita contra a violencia sexista cun certame artístico

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Benestar Social, Ana González Abelleira, deu a coñecer esta mañá as bases que rexerán os certames de deseño gráfico, narrativa e fotografía contra a violencia de xénero, que convoca o Concello para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes e para difundir a importancia de acabar coa lacra de violencia de xénero, que no que vai de ano acabou con 37 mulleres, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Durante o acto de presentación, a edil puxo en valor estes concursos “transmisores da sensibilización sobre a violencia machista, un traballo que debe realizarse a cotío e unha misión de toda a cidadanía, na que debemos  particpar activamente os 365 días do ano”. Por este motivo, González Abelleira convidou á sociedade a presentar traballos a estes certames, nos que poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen.

No caso do de deseño gráfico, os traballos serán de tamaño e técnica libre, que deberán ser presentados en soporte ríxido que facilite a súa posible exposición. Será requisito indispensable que figure o logotipo do Concello e o logotipo da Casa da Muller.  No que se refire ao de fotografía, que leva por nome Revelando o machismo e que neste 2017 se celebra a súa sétima edición, as fotos terán un tamaño de 20×30 centímetros como mínimo e 40×50 centímetros como máximo. Presentaranse sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50×70 cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. En canto ao VII Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, poderán participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Os traballos serán inéditos, escritos en lingua galega. O tema será libre, baseado en calquera aspecto relacionado coa igualdade entre mullere e homes.

Contra a violencia nas festas

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, puxo hoxe tamén en marcha a campaña Por un San Froilán libre de sexismo, tal e como fixera nos festexos do Arde Lucus e no entroido. Trátase dunha iniciativa cuxo obxectivo é fomentar a importancia de cortar co machismo e co sexismo, incluídos tamén todos os recintos e actividades destes festexos.

A iniciativa do Goberno de Lugo, que xa reflexa nos propios programas do San Froilán que Lugo é un concello libre de agresións sexuais, pide non invadir o espazo de ninguén sen o seu consentimento e lembra que o alcohol non xustifica as condutas de abuso e que os piropos e os chistes homófobos, misóxinos, tránsfobos e lesbófos son intolerantes. Así mesmo recorda non facer comentarios e tocamentos nin calquera outro comportamento sen permiso.

Esta nova tivo gran aceptación entre os edís de Lugonovo, quen levarán ao pleno de mañá unha iniciativa encamiñada a prevención da violencia sexista nas festas patronais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com