Conde avanza que en 2020 estarán executados os 150M€ destinados ao polo tecnolóxico de Rozas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron esta mañá no aeródromo de Rozas na presentación das novas licitacións do programa de Solucións deste polo tecnolóxico e industrial. Durante o acto, Conde avanzou que en 2020 estarán executados os 150 millóns de euros que xa están programados.

Así, aos 10 millóns de euros da posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR); e do investimento conxunto de 115 millóns nun programa de I+D da man de Indra e Babcok en colaboración coa Xunta, súmanse os 24 millóns de euros de compra pública innovadora deste programa de Solucións. Con estas dúas novas licitacións -que se suman ás oito anteriormente publicadas- a Xunta completa as dez contratacións inicialmente previstas e que se centran no desenvolvemento de solucións en catro áreas: forestal, medio rural, mar e sistemas aéreos.

Tal e como explicou Conde, o mércores, 21 de febreiro, publicaranse as dúas novas licitacións por un importe de 7,2 millóns de euros centradas na seguridade aérea e na xestión forestal. Con respecto á primeira o obxectivo, segundo informou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, é “compatibilizar a convivencia de avións tripulados e non tripulados no espazo aéreo”. Deste xeito, agárdase situar Galicia por diante neste eido, espertando o interese de grandes actores do ámbito nacional e internacional e creando oportunidades para as empresas facendo da Comunidade un referente no mercado dos vehículos non tripulados.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou neste acto a importancia destas solucións innovadoras no ámbito forestal, tanto para os propietarios dos montes como para a industria. Dixo que “este é un punto de partida fundamental” á hora de realizar un inventario real das parcelas existentes, así como para favorecer a ordenación do territorio e a seguridade dos habitantes do agro, en particular no que atinxe á loita contra os
incendios.

Así, engadiu, o uso de avións non tripulados terá unha incidencia positiva no control das distancias das plantacións forestais aos núcleos de poboación ou a infraestruturas como estradas, liñas eléctricas ou vías férreas e tamén na mellora da sanidade vexetal, especialmente para loitar contra as enfermidades que afectan especies como o eucalipto ou o piñeiro.
Conde destacou que o proxecto de Rozas é unha aposta conxunta da Administración autonómica, da Administración central, a través dos ministerios de Defensa; Economía, Industria y Competitividad; e Fomento; e das propias empresas e centros tecnolóxicos que están participando e que se van ir incorporando ás distintas iniciativas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo