" />

Conde destaca a oportunidade que supón o sector eólico para o emprego e a riqueza

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Paradela, durante a visita aos parques eólicos de Paradela e Serra das Penas impulsados por Enel Green Power, a oportunidade que o desenvolvemento deste sector en Galicia supón para a creación de emprego, a xeración de riqueza e para loitar contra o cambio climático.

Neste sentido, destacou a contribución de Enel Green Power que, con estes dous parques eólicos, sumará un total de tres plantas en funcionamento este ano na provincia de Lugo. No caso das instalacións do concello de Paradela visitadas esta mañá, supoñen unha potencia de 54MW e permitirán evitar a emisión anual de 126.000 toneladas de CO2. Cun investimento de 60M€, Conde destacou que estes parques son, tamén, unha oportunidade para o concello lucense e os seus veciños en canto á dinamización da súa actividade económica -grazas, por exemplo, ao incremento do orzamento municipal en máis dun 35%- e á promoción doutro tipo de accións como a habilitación dunha ruta de sendeirismo no encoro de Belesar, ou o encontro de hoxe dos escolares do concello co equipo Monbus Obradoiro.

Conde explicou que Galicia está a recuperar e consolidar o tecido industrial vinculado ao sector eólico galego e avanzou que, antes de que remate o primeiro trimestre de 2020, Galicia sumará unha vintena de parques en funcionamento que supoñen 480MW instalados e un investimento na nosa Comunidade de 567M€.

Así, a Lei de implantación empresarial impulsada pola Xunta e a creación da figura de proxectos de interese especial teñen permitido avanzar ao sector grazas a un regulamento máis áxil, transparente e seguro que mantén as garantías urbanísticas, técnicas e ambientais das iniciativas. Así, Galicia chegará en 2020 aos 8000MW de enerxías renovables instalados dos que ao redor da metade serán eólicos.

O conselleiro puxo en valor o esforzo que Galicia está realizando por fomentar as enerxías limpas e renovables e o compromiso por conseguir unha Galicia máis verde (obxectivo ao que se destinarán 60M€ nos orzamentos de 2020) e incidiu na necesidade de promover unha transición enerxética xusta e ordenada protexendo o medio ambiente á vez que se favorece a integración social e territorial. Neste sentido, lembrou que no marco do Diálogo Social coa Confederación de Empresarios de Galicia, CCOO Galicia e UGT, asinouse un acordo para desenvolver unha axenda de transición enerxética xusta e ordenada que incluirá un mapa que recolla as necesidades e identifique as iniciativas que se poden impulsar para que este proceso sexa unha oportunidade de desenvolvemento económico e non xere un impacto negativo no emprego e na actividade industrial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo