Conde sinala en Lugo a aposta de AMSlab como exemplo de apoio á innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo as instalacións de AMSlab, laboratorio especializado en ensaios químicos e físicos e que está a liderar un consorcio de empresas que desenvolve o proxecto Qfashion, que ten como obxectivo mellorar o control dos procesos de produción. Conde destacou que esta iniciativa, na que colabora a Xunta a través do programa Conecta Peme, sirve como exemplo que certifica  a aposta que está a facer Galicia polo talento e a innovación.

O proxecto Qfashion busca desenvolver solucións innovadoras que faciliten o control de produtos cosméticos e téxtiles por parte das empresas do sector da moda e da súa rede internacional de provedores.

“Qfashion é un exemplo claro de como a través da colaboración se poden desenvolver proxectos innovadores e transferir coñecemento ao mercado”, destacou o conselleiro.

Neste sentido, Conde sinalou que Qfashion responde a un dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), como é a aposta por un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Ademais, unha das novidades da terceira edición do Conecta Peme, desenvolvido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Biotecnoloxía

O conselleiro subliñou tamén que a iniciativa está impulsada por un consorcio formado por catro empresas con sede en Galicia -AMSlab, Biomig e Xenotechs, en Lugo; e Mestrelab, en Vigo- que xeran 70 empregos de alta cualificación e que contan para este proxecto cun grupo de investigación no que participa a Universidade de Santiago.

Nesta liña, indicou que Galicia, que ocupa a terceira posición entre as comunidades que crea máis sociedades biotecnolóxicas, traballa para converterse nunha referencia en materia de bioemprendemento, un sector que factura 250 millóns de euros, dá traballo a 1.300 persoas en Galicia e ao que a Xunta presta especial atención a través da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía co obxectivo de poñer en marcha 30 novas empresas neste eido ata 2020.

Sinalou para rematar que Galicia, en xeral, e Lugo, en particular, ten “moitas capacidades instaladas para que a biotecnoloxía se poida trasladar ao sector agroalimentario, pesqueiro e forestal”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo