A Audiencia Provincial de Lugo condenou a dous anos de prisión a cada un dos dous veciños da Fonsagrada implicados nun enfrontamento no que se agrediron mutuamente empregando unha pa e unha aixada. A sentenza considera probado que ambos mantiñan unha relación de inimizade desde había anos e que os feitos se produciron cando un deles acometeu ao outro cunha pa mentres este realizaba labores rurais.
Segundo recolle a resolución xudicial, o home atacado reaccionou ante a agresión “temendo pola súa vida ou por resultar ferido, con necesidade de defenderse ante o ataque, pero con intención tamén de menoscabar a integridade do seu atacante”. Nese contexto, golpeou ao seu veciño na cara coa aixada que levaba na man.
Como consecuencia do impacto, a vítima sufriu lesións de extrema gravidade, entre elas a perda da visión dun ollo, ademais doutras secuelas. Por este motivo, o tribunal condena ao agresor ao pagamento dunha indemnización de 58.145,16 euros. Pola súa banda, o outro acusado padeceu lesións compatibles co uso da pa.
A Sala, tras analizar a proba practicada durante o xuízo, especialmente os informes periciais, descarta que existise un risco vital ou unha intensidade de agresión que permitise cualificar os feitos como unha tentativa de asasinato ou homicidio. Así, considera a ambos autores dun delito de lesións.
Ademais, a Audiencia rexeita a concorrencia das agravantes de aleivosía e asañamento, así como a eximente de medo insuperable. Con todo, aprecia no caso do acusado que respondeu ao ataque coa aixada unha eximente incompleta de lexítima defensa.
A sentenza non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).






